Camiñando polo sendeiro da rede

Teño un amigo especialista nisto das telecomunicacións que sempre me insiste en facer uso do que as novas tecnoloxías poñen ao noso alcance, que a época do teléfono de manivela xa pasou e este é outro mundo no que hai que se meter para non quedarmos atrás. E pode que teña razón.


O Facebook serviume para dar con algún amigo que tiña descontrolado e para amosar algunha cousiña que rolda polo meu maxín. Ata aí todo normal, pero tamén serve para dar cancha a moita xente ávida de crearen polémica, a veces dende o anonimato, aparecendo sobre todo cando un fai alusión a acontecementos do noso pasado máis recente como pode ser a Guerra Civil e as consecuencias na retagarda onde moita xente foi inutilmente masacrada. Este é un tema, logo de pasados más de oitenta anos, que aínda provoca airadas reaccións nalgunha xente.


Hai uns días facía alusión no Facebook á coincidencia do asasinato de Federico García Lorca en Granada e o do médico Eduardo Sánchez Fraga en Mugardos. Isto ocorría un 18 de agosto de 1936. Pois unha señora dando repetidos vivas á República con maiúscula acusábame de ir de puntiñas neste recordatorio por non dicir que foron os “franquistas” os autores destas barbaridades, como se fixera falta dicilo, e reclamaba un “mausoleo” en Mugardos onde figuraren os nomes e apelidos de todas as vítimas franquistas, algo así como unha volta á “Cruz dos outros Caídos”, pois ela sabía moito de todo o acontecido en Mugardos ( sic ). Unha “republicana” de toda a vida coa que decidín non polemizar, claro, mantendo iso si un respecto dentro da discrepancia.


Doutra volta, mencionando o aniversario do fusilamento de Amada García no castelo de San Felipe, outro “amigo” chamoume “miserable intelectual” por remover o lixo que, segundo el, cheiraba e non conviña tocar. Evidentemente con estas alforxas é complicado viaxar e prefiro soltalas.


O caso é que na rede moita xente colecciona amigos como se fosen cromos, nada máis para estar fachendosos coa cantidade. Un vai camiñando por aí e non sabe con quen se vai atopar, por iso algunha vez sentín a tentación de cambiar de ruta e partillar conversas só cos amigos aos que coñezo realmente. Entrementres un está a darlle voltas a todo isto seguen aparecendo plataformas para que a xente intercambie imaxes e pareceres cando a realidade o que se pretende e controlarnos, ver o que pensamos, formar parte dun fondo de datos e así saber quen é quen nesta película. Éche o que hai.

Camiñando polo sendeiro da rede

Te puede interesar