As miradas de Isaac

amostra “AS MIRADAS DE ISAAC”, que en novembro de 2020 foi inaugurada na Cidade da Cultura, co gallo do centenario do nacemento (1920) de Isaac Díaz Pardo, e que actualmente está en Afundación, recolle a inxente labor artística, cultural e empresarial deste home extraordinario, cuxo xenio e tesón puxo en pé unha das iniciativas máis ambiciosas de Galicia.

Comisariada polos seus fillos Xosé e Camilo Díaz, a exposición é un percorrido didáctico por dez hitos da súa vida, que se inicia, como non podía ser doutra maneira, coa sobranceira figura do seu pai Camilo Díaz Baliño, do que podemos ver maquetas, ilustracións e carteis, coma os que fixo para as festas da Coruña, e cadros, entre os que está o “Tríptico dos fillos de Brigantia”.

Na sección da infancia e mocidade en Santiago, descóbrenos a un rapaz inquedo, que participaba da atmosfera galeguista que se respiraba na súa casa e que se materializou nos 4 carteis que fixo para o Estatuto de autonomía, en 1936.

O apartado 3 recolle a súa obra plástica: debuxos, Nús de rotundas formas, algún retrato e cadros épicos, como “ Os afogados”, “A barca de Caronte”, dos anos 40; tamén obras máis expresionistas, como “Olladas” e “Crucifixión”, xa da década do 60. O punto catro lévanos á sua viaxe a Arxentina, en 1955, para fundar a fábrica da Magdalena, a instancia de Xosé Núñez Búa; todo unha afouteza, que non só lle permitirá investigacións no eido da cerámica, senon que o porá en contacto con figuras sobranceiras do exilio, como Dieste e Seoane.

Daquela aventura podemos ver portadas de revistas e libros feitos por Seoane, pezas de cerámica deste, de Isaac, de Geno Díaz e de Laxeiro.

A sección 5 trata da súa faceta de escritor: poesía, teatro, e ensaio e amósanse libros como “Midas e O angulo de pedra” e os seus carteis de cego, entre os que destaca “A nave espacial”. O punto 6 Arte/ Industria recolle a fundación das súas empresas e permite admirar cerámicas do antigo Sargadelos, as primeiras e preciosísimas pezas que fixo Isaac nos inicios da fábrica de O Castro,(fins dos corenta) e nos cincuenta e sesenta; hai tamén algunhas das estilizadas e complexas pezas que deseñou para Sargadelos .

O punto 7, “Recuperación da memoria” da a coñecer a creación do Museo Carlos Maside (1970), a inauguración da fábrica de Sargadelos, o Seminario de Estudios Cerámicos, o Seminario de Estudos Galegose, os encontros estivais de Sargadelos, dos que saíron obras de Oteiza, Arcadio Blasco, Tutaka Suzuki, entre outros grandes artistas. O Laboratorio de Formas, recollido na sección 8, mostra os cadernos publicados, cartaces e deseños vangardistas de cadeira e mesa feitos por Isaac.

O punto 9.” A palabra impresa” dedícase a Ediciós do Castro que, nos seus 40 anos de vida, publicou 1450 títulos. O Museo Carlos Maside pon o punto final con carteis de mostras de Picasso, Grosz, Solana, Clavé... e obras de Seoane, Laxeiro, M. Mallo, Leiro e A.Datas, Castelao, etc A mostra da fe da xenialidade de Isaac e da enorme magnitude das súas tarefas 

As miradas de Isaac

Te puede interesar