Publicados os cesamentos do profesorado dos antigos IES Fraga do Eume e IES Leixa

Publicados os cesamentos  do profesorado dos antigos  IES Fraga do Eume e IES Leixa
En Pontedeume refórzase a hostalería

A conversión do IES Fraga do Eume (Pontedeume) e do IES de Leixa (Ferrol) en Centros Integrados de Formación Profesional fíxose efectiva tras a publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia o 14 de xullo, pero quedaba pendente facer oficial a situación do profesorado afectado polo cambio. A transformación implica que as ensinanzas de Educación Secundaria Obligatoria e de Bacharelato que se impartían nestes dous centros móvense ao IES Breamo (xusto ao lado do CIFP) e ao IES de Catabois (a un quilómetro). Tamén hai un troco na ubicación do ciclo superior de Educación Infantil, que se impartía no CIFP Ferrolterra e agora cursarase no Leixa.

Isto implica movementos no persoal docente con destino definitivo de varias especialidades, que cesará o 31 de agosto nos institutos. Uns poucos poderán quedar adscritos, porén, onde estaban (unha praza de inglés, outra de francés e outra de matemáticas no Fraga do Eume; e outra de lingua castelá, de inglés e de física e química, no Leixa). Nos centros receptores publícanse tamén prazas que poden ser cubertas de forma definitiva polos profesores que cesan. Son 17 no IES Breamo (repartidas segundo especialidades) e 6 no IES de Catabois.

Ademais, o DOG publica o cesamento dos equipos directivos nos IES que deixan de selo, a partir do 31 de agosto.

Os Centros Integrados de Formación Profesional imparten toda a oferta formativa conducente aos títulos de FP ou aos certificados de profesionalidade. En Galicia, dos 180 centros públicos que imparten ciclos formativos, 26 son Centros Integrados. A metade están na provincia da Coruña, principalmente nas cidades.

En Pontedeume, o cambio foi recibido con satisfacción desde o Concello, polo aumento de ciclos que supón e, por conseguinte, de prazas, e polo reforzamento da formación profesional na localidade, que pode atraer ademais estudantando doutros lugares. Porén, xerou desconfianza en parte da comunidade educativa ante as dúbidas sobre a capacidade do IES Breamo para acoller ao novo alumnado sen incrementar o número de persoas por aula e garantindo a mesma calidade da formación e as medidas de seguridade ante a crise sanitaria. Realizouse unha recollida de sinaturas entre a poboación na que rexeitaba o traslado no entanto non se garantisen unhas condicións.

Publicados os cesamentos do profesorado dos antigos IES Fraga do Eume e IES Leixa

Te puede interesar