Rebaixa histórica das peaxes da AP-9

se José María Aznar non tivera asinado no ano 2000 a prórroga da concesión da AP-9, no 2023 a poboación galega terían vertebrada a súa comunidade por unha autovía de balde. Iso non aconteceu, senón todo o contrario. Aznar blindou a concesión ata o ano 2048, un castigo inxusto e innecesario para os 25.000 galegos e galegas que cada día circulan por esa vía. A data de finalización da concesión non é o único agravio. A AP-9 ten tamén a dubidosa honra de contar coas tarifas máis elevadas de España. A viaxe de ida e volta entre Ferrol e Vigo custa, só en peaxes, 43,80 euros: máis que algúns billetes de avión.

A autoestrada que tiña que ser o motor da dinamización de Galicia converteuse, ao final, nunha fronteira para unha grande parte da cidadanía que non pode asumir esas tarifas no seu día a día.

Foi un Goberno popular o que prolongou o agravio, e é un Goberno socialista, o de Pedro Sánchez, o que vén de aliviar notablemente, como non se tiña feito nunca na historia da AP-9, a carga que soportan os galegos e as galegas por desprazarse.

Desde este verán, quen faga un desprazamento de ida e volta no mesmo día pola AP-9, non terá que pagar pola viaxe de regreso. Isto supón un aforro do 50% na peaxe para milleiros de cidadáns que teñen que desprazarse a diario, principalmente por motivos de traballo. Supón tamén unha forma eficaz de aumentar a competitividade das empresas situadas na área de influencia da autoestrada, lastradas polo custe do transporte dos seus produtos.

Ninguén foi tan lonxe como o Goberno de Pedro Sánchez na procura de solucións reais. Unha decisión dun Goberno socialista que supón un investimento de 2.300 millóns de euros, o maior investimento que ten feito un Goberno na nosa comunidade, e que alivia o agravio ao que nos someteu o Partido Popular coa ampliación da concesión e a súa posterior privatización.

O Goberno da Xunta debería tomar nota e aplicar os mesmos criterios da AP-9 nas vías de titularidade autonómica. Quen circule no mesmo día entre A Coruña e Carballo aforra só un 25% na viaxe de volta (fronte ao 100% da AP-9).

Desde o 2003 Galicia conta cunha vía que une Ferrol con Tui. Unha autoestrada cun inmenso potencial, xa que o seu deseño permite percorrer o país no día e ampliar o radio de acción da actividade económica radicada en calquera punto do seu percorrido. O elevado custe da peaxe impediu que, ata agora, a AP-9 servira realmente para aquelo para o que foi construída. Xa non é así, e 18 anos despois un Goberno socialista cambia outra vez as tornas. Haberá que agardar ata o 2048 para acabar co agravio, mais mentres non chega ese momento os galegos e as galegas poderán desprazarse polo seu territorio cun custe razoable, se cadra menor que en outros lugares da xeografía nacional. Agora si, comeza a saldarse a débeda histórica coa poboación de Galicia.


Rebaixa histórica das peaxes da AP-9

Te puede interesar