¿De que serviu todo aquilo?

Todas as vilas e cidades teñen a súa intrahistoria, pequena peza que encaixa na historia xeral do pais, e de vez en cando convén repasala, estudiala, para ver o que se fixo ben ou polo contrario no que se fallou e tamén para que saibamos de onde vimos. Algúns manifestan que non convén remexer no pasado, que o pasado xa pasou, pero non se decatan que a fin de contas non somos máis que resultado do noso tempo pretérito, que calquera cousa que ocorrera denantes puido condicionar para sempre o noso presente. Ao fin e ao cabo somos fillos da nosa época e da súa circunstancia.


O desastre máis grande acontecido en España en xeral, e na miña vila en particular, nos últimos cen anos foi o golpe de Estado no ano 1936 e as tráxicas consecuencias que carrexou. Malia a sangría humana producida nas frontes de batalla, os crimes cometidos na retagarda non deixan hoxe de horrorizarnos. Na miña vila foron fusiladas e paseadas un centenar de persoas. Aínda hoxe hai xente que xustifica esa barbarie dicindo que na outra banda tamén se cometeron atrocidades e si, tamén, pero está más que demostrado, malia ser un só crime rexeitable e execrable, que non existe equidistancia.


Na miña vila non houbo socialistas nin comunistas que se dedicasen a iren matando a ninguén de dereitas, con todo, un cento de persoas foron no meu concello sacrificadas polo seu ideario de esquerdas a mans dos partidarios directos do golpe de estado que actuaban no nome de Deus, non no do seu fillo, que xa é dicir.


Os responsables directos daquela masacre, exterminio sistemático, xa desapareceron todos, pero aínda queda xente que se revolve cando alguén fai alusión a todo aquilo, xente afín a aqueles métodos desapiadados, a aquela brutalidade estrema.


Hai pouco nunha escrita referíame ao aniversario do fusilamento no castelo de San Felipe da nosa veciña Amada García e de seis persoas máis e alguén saíu dicindo iso de non remexer. Memoria histórica e conciencia son dúas cousas distintas: na miña vila xa non quedan apenas testemuños vivos daquela época e a memoria fose convertendo en conciencia histórica, cousa que a algúns lles molesta que se manteña para saber dunha vez por todas que aquela barbarie non foi solución senón que formou parte dun problema que nunca se debeu resolver coa forza das armas. Por iso non convén perder a memoria e sermos conscientes de que é mellor convivir, malia que isto as veces sexa complicado, que pelexar porque xa ven o que nos trouxo todo aquilo.

¿De que serviu todo aquilo?

Te puede interesar