David Rodríguez: “A sanidade das abellas reflíctese na calidade do mel por iso facemos que estean o máis nutridas posible”

David Rodríguez: “A sanidade das abellas reflíctese na calidade do mel por iso facemos que estean o máis nutridas posible”
David Rodríguez e a súa muller contan con colmeas en Moeche e en Quiroga, premiadas internacionalmente | cedida

David Rodríguez e Estefanía Grandal coñecéronse nunha reu-nión de apicultores. Ela tiña colmeas na zona de Ferrolterra e el en Quiroga, de onde é natural. Traballaba na Coruña en seguridade e a súa afición eran as abellas. Agora, anos despois, adícase a tempo completo a súa paixón e coa que xa é a súa muller forman Das Nosas Abellas, unha marca que xa foi recoñecida internacionalmente polos seus meles.


Como nace Das Nosas Abellas ata chegar ao que é hoxe en día?

Das Nosas Abellas é a marca de comercialización do noso mel. É un mel na súa totalidade de produción propia, non compramos a outros apicultores, xa que queremos que o mel que nós vendemos se saiba en todo momento a súa trazabilidade, de onde sae, que tipo de mel é... para ofrecerlle á xente un mel especial e coas características propias da zona.


Dende o momento que nos coñecimos, Estefanía e eu empezamos esta actividade xuntos, e na actualidade, dende hai dous anos, adícome a isto ao 100% e Fani compaxínao co seu traballo. Fomos ampliando pouco a pouco o número de colmeas e agora temos unhas 350, Fani tiña as súas colmeas en Ferrol e eu en Quiroga e decidimos seguilo mantendo así na actualidade. Deste xeiro, podemos ofrecer á xente que consume, diferentes tipos de mel, dende Multiflorais de Costa ou Montaña, Monoflorais de Eucalipto ou Castaño etc.


Onde están as colmeas na zona de Ferrolterra e que produción teñen?

Na actualidade temos colmeares na zona de Quiroga ( Lugo ) e na zona de Ferrolterra. En Ferrolterra témolos na zona de Fene e outro, de onde sacamos a maioría da produción, que está na zona de Moeche. Agora, xa estamos ampliando, temos unha produción aproximada, dependendo do ano, de 3000 kilos.

Coa produción levamos dous anos e a vendemos en feiras, directamente o consumidor e en tendas, a maioría da zona de Ferrolterra.


Que tipo de mel se consegue e que a diferencia doutras?

En toda Galicia conséguense uns meles de altísima calidade. Nós intentamos ter as colmeas en zonas onde estean apartadas de fontes de contaminación e sexan espazos o máis virxes posibles, con vexetación escalonada todo o ano para que as abellas estean o máis nutridas e alimentadas posible, xa que ao final esta sanidade das abellas tamén se traduce na calidade do mel.


Estas zonas son decisivas na obtención do mel, conseguindo meles de alta calidade cunha frescura incrible e moi alto porcentaxe de poles autóctonos que potencian o sabor ao máximo.


Nós apostamos desde un principio por dar á xente un mel totalmente artesanal e de produción propia, no que mimamos ao máximo todos os procesos, dende que traballamos no campo coas abellas, extraemos o mel, envotámolo e etiquetámolo, para que a xente ao recibir o noso produto e probalo sexa totalmente como si sacaran o tarro directamente da colmea. Para isto facemos extración en frío, sen filtrados nin pasteurización e deixamos decantar o mel por si só.


Recibiron o “London honey awards” por dous produtos. Participan habitualmente en certames destas características? Que se valora neles?

O certamen London Honey Awards é un certame que se celebra hai dous anos e nós é o primeiro que nos presentamos.


É un concurso no que para participar hai que facer unhas analíticas exhaustivas do mel, polínicas, de adulteración, residuos etc. Mandar as mostras que se queiran e fan unha cata a cegas das meles de todo o mundo no que os catadores son sumillers profesionais de varios países. Valoran diversos parámetros e danlles unha puntuación. Nós mandamos dúas mostras, unha da zona de Ferrol que é un mel multifloral de Costa que leva flores de todo o ano, que xa quedara como segundo mellor mel de España no 2021 na súa categoría, que agora acadou ouro no certame londinenese.


Para nós que un mel de Costa teña este recoñecemento é moi importante, xa que a xente ás veces pensa que como non leva as palabras “mel de montaña” non é mel e non é tan natural, e isto da a ver que nestas zonas de costa tamén saen meles de altísima calidade e que gustan tamén fora de Galicia e España. Tamén mandamos unha monofloral de castaño da zona de Quiroga, xa que para nos o castiñeiro é a floración por excelencia de Galicia, e tamén lle concederon un ouro.


Tamén teñen en marcha o programa Apadriña unha colmea. De que se trata?

O proxecto Apadriña unha colmea naceu o ano pasado. Queremos que a xente que probe o noso mel saiba en todo momento o que está comendo, quen está detrás de todo o proceso, como son as zonas de orixe, e o máis importante, como producen o mel as nosas abelliñas. A persoa que queira apadriñar, paga 60 euros ao ano, nós poñemos un cartel co nome que eles queran, mandámoslle unhas fotos da súa colmea, facemoslle unha visita ao colmear cos traxes e guantes e ensinamoslle como é o entorno donde traballan as nosas abellas,. E despois, cando sacamos o mel, os 60 euros que puxeron dámosllos integramente en mel.


Cal e o futuro que lle depara á apilcultura, atópase con moitos atrancos?

En Galicia está crecendo nos últimos anos, pero máis ben como afición. Para adicarse a apicultura profesionalmente ten que gustar moito porque é un sector nada fácil, o cambio climático está aí, as producións cada ano son máis inestables e temos a problemática dende o ano 1984 aproximadamente da Varroa, que é un ácaro que ataca as abellas acabando cas colmeas, senón se tratan e se está moi atento todo o ano.


A isto se lle suma o problema da avespa asiática, que está pegando moi duro, causando moitas mortes todo o ano de colmeas e facendo que moitos apicultores deixen este sector.

David Rodríguez: “A sanidade das abellas reflíctese na calidade do mel por iso facemos que estean o máis nutridas posible”

Te puede interesar