A inevitable presenza dos erros

Ando a ler estes días dous libros con argumentos totalmente diferentes: un do amigo narrador e fabulador Xavier Alcalá titulado “Tertulia Revisitada” que me está sorprendendo moi gratamente, abofé . O outro “Da lectura e outras cousiñas”, é do mestre estradense Xosé Luna e trátase dunha compilación de artigos publicados na prensa en diferentes datas, un libro de belido contido non exento de ironía e de moi agradable lectura ao que lle estou dando outra volta. Ambos os dous son perfectamente compatibles para ler con alternancia.


Nun dos seus artigos o Xosé Luna fala dos erros que parecen imposibles de controlaren na escrita por moito que repases e volvas a comezar. Dou fe porque eu tamén escribo para que me lean os demais e malia andar na procura de que non aparezan os fallos, aí están coma querendo quedarse contigo, ríndose de ti. Coidado coas comas cuxa colocación poden cambiar o sentido da frase. Se aparece por exemplo esta noticia: “Ayuso, dimite”: é como pedir que se vaia, pero se vai sen coma: “Ayuso dimite” entendemos que xa dimitiu. Tranquilos, é só un exemplo. Cólasenos unha coma revoltosa e fainos un descosido na escrita.


O escritor José Esteban que cultivou diferentes xéneros, reuniu en “Vituperio de la errata” ( 2003) erros rechamantes que o estradense Xosé Luna menciona nunha das súas “cousiñas”. Por exemplo o que aparece na primeira edición de “Arroz y tartana” de Blasco Ibañez onde o escritor valenciano, propulsor do realismo e naturalismo, pretendía escribir: “aquella mañana doña Manuela se levantó con el ceño fruncido” pois no libro aparece “con el coño fruncido” ( aí queda iso), ou Garcilaso que quería dicir nun verso: ...y Mariuca se duerme y yo me voy de puntillas” e no papel aparece: “...y yo me voy de putillas”.


A errata, di Ramón Gómez de la Senra, ven ser como un microbio independente á hixiene do escritor, sempre acochada detrás dunha suposta corrección, un microbio de orixe descoñecido e de picadura irreparable que ataca cando menos o esperas. Se aceptamos que a cousa é así non nos queda máis remedio que a resignación ao daren por feito que cando apareza a nosa publicación, por moitas correccións que lle fagamos e lle fagan, o erro vai asomar en forma de “o” que tiña que ser “a”, de coma errante, ou dun til tunante.


Ora, se os erros durmiran, para non espertalos o mesmo deberamos iren de puntillas, pero eles, que están sempre á expectativa farán que vaiamos de “putillas”. Seguro.

A inevitable presenza dos erros

Te puede interesar