O tempo no espello

|

Teño que recoñecer que paso con frecuencia polo Centro Cívico de Canido, convertido nun dos eixos culturais de Ferrol. Alí tiven, ademais, a ocasión de ser acollido na presentación do meu libro “A Terra Infinita”, algo que agradézolles moito. E, unha vez máis, atopeime con Roberto Taboada, esta vez subido ao teito xunto con outra xente para montar unha lonas que deran sombra, ao seu patio interior, ao día seguinte.

Eu ía a buscar a miña filla Sabela, que precisamente co seu coro “Tempo Novo” estaban co ensaio final. Así e tendo fondo musical, outra vez, paseime por esa biblioteca comunitaria que hai nunha das salas principais. Nesta ocasión, pareime nun libro de poemas, abrindo unha das súas páxinas, despois outra e outra. Ao final, non puiden resistirme. Tirei do teléfono, busquei na rede e acabei mercando un exemplar, o que dá título hoxe a esta columna, de Avilés de Taramancos, Ediciós do Castro.


O tempo no espello