O certame literario Carmela Loureiro entrega vinte e un premios na súa sétima edición

O certame literario Carmela Loureiro entrega vinte e un premios na súa sétima edición
Unha das estudantes premiadas nesta edición, entre o alcalde e a concelleira de Normalización Lingüística | jorge meis

Os nove gañadores e 12 accésits da sétima edición do certame literario Carmela Loureiro recibiron onte os seus premios no decurso dun acto que tivo lugar no patio do Centro Torrente Ballester e no que o alcalde, Ángel Mato, agradeceu o seu compromiso coa literatura galega e animou á mocidade a “seguir escribindo” porque, dixo, “hai moito talento”.


Nesa liña, o rexedor lembrou que este ano se outorgaron, ademais dos nove premios, doce accésits, o que, asegurou, “dá conta da gran calidade” dos traballos –poesía, relato e teatro en formato “micro”– que se postularon para os galardóns. Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados” parabenizou os rapaces e rapazas “pola calidade dos seus textos”.


Nesta sétima edición, convocada tamén polo Concello e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, participaron estudantes de once centros, oito deles ferroláns, dous de Fene e un de Valdoviño.


Galardonados

O xurado, composto por Rosa Aneiros, Manuel Rei, Candela Ranhal, Jéssica Criado, Cristina Prados e Beatriz Bascoy –en calidade de secretaria–, premiou na modalidade de micropoesía as composicións de Fabio López Martínez –3º ciclo de Primaria do CEIP Juan de Lángara–; Yolanda Davila Rama, do 1º ciclo da ESO do instituto Carvalho Calero; Martín Vilar Álvarez, do CPI Atios, na categoría correspondente ao 2.º ciclo da ESO; e Ana Belizón Freire, do Concepción Arenal, en Bacharelato e ciclos formativos. Houbo accésits para Sara Sanjurjo Alarcón, do colexio Belén; Sara Blanco Álvarez, do Atios; e Mateo González Álvarez e Pablo Lozano Palenzuela, do instituto Saturnino Montojo.


En microrrelatos resultaron gañadores Diego Barreiro Montero, alumno de Primaria do Ludy; Manuel Nieto Fraga, de Secundaria da Xunqueira; Rocío Bouza Mira, do Montojo –tamén da ESO–; e Andrés Rodríguez Boutureira, do Carvalho Calero, en Bacharelato e FP. Tamén conseguiron accésit Mencía Graña González, Marta Sanmartín Veiga e Iago Fernández Blanco, todos eles do Atios; Gianella Ramos Challa, do IES Canido; Mateo González Álvarez, do Montojo; e, Natalia Gómez García e Laura Álvarez Chaos, do Concepción Arenal.


Na modalidade de microteatro, o premio foi para Omar Calderón Yáñez, do IES Carvalho Calero –na categoría de Bacharelato e ciclos– e tamén foi distinguida cun accésit a obra presentada pola súa compañeira Fátima López Silvar.

O certame literario Carmela Loureiro entrega vinte e un premios na súa sétima edición

Te puede interesar