Horror

Un vai chegando, mellor dito xa chegou, a certa idade na que resulta difícil comulgar con rodas de muíño, escoitar certas cousas e albergar a esperanza de que poidan seren certas. Dende que vivimos, afortunadamente, en democracia, a política converteuse na ciencia da sedución e os políticos nos transmisores de esperanzas... a maioría das veces frustradas.

Cando saímos da negritude do túnel da ditadura fixémolo enchidos de ilusión porque por fin cada quen podería ter a opción de poder elixir o modelo de goberno xurdido do sufraxio universal a excepción do xefe do goberno que foi imposto polo ditador seguindo a praxes de deixar algún cabo ben atado. Pero esa é outra historia.

E o pobo falou, a súa voz deixouse oír e fóronse sucedendo gobernos que como é lóxico e natural espertaron ilusións, moitas diluídas como o xeo na auga. Predicar e non dar trigo converteuse acotío na praxes dalgúns políticos que viron neste exercicio a posibilidade de “faceren carreira” sen repararen nos medios. Entón chega a desilusión.

E o meu desencanto céntrase nos chamados partidos de esquerda que en vez de faceren política segundo o seu ideario, andaron facendo non se sebe que, ou si se sabe: política que pouco ou nada ten que ver co humanismo, con darlle solución aos problemas que afectan á xente menos favorecida, con andaren na procura de que estean cubertas as necesidades básicas da poboación, en fin con todas estas cousas que sempre formaron parte do ideario dos partidos de esquerda. E o caso é que todo isto estaba nos seus programas, nesas promesas que logo se quedan no camiño. Facer política neoliberal dende un partido de esquerda parece unha enorme contradición. Un goberno de esquerda debe dispor de mecanismos que impidan que as grandes empresas fagan botín a conta da cidadanía e sexan a “cova de Alí Babá” onde os corenta ladróns fan reparto dos seus espolios. Non digo que non fagan negocio, que para iso están, pero tería que haber un certo control para que a prea non sexa desmedida.

Discursos, proxectos, promesas, grandilocuentes declaracións de intencións que se quedan aí, en propósitos dos despropósitos de certas políticas. Que non nos enganen, que traballen de acordo aos seus postulados, que se comporten de verdade facendo política de esquerdas e se iso non supón respaldo suficiente para gobernar, pois como soe dicirse: “a poñerse as pilas” e a tratar de convencer e seducir con feitos porque sempre, sempre, o movemento se amosou andando. Abofé.


Horror

Te puede interesar