Mandar e calar

|

recoñézome como amante do fútbol desde a máis tenra infancia, desde que teño recordos, se ben estimo que non cheguei ao grao de nacer berrando gol, ao xeito de todos os uruguaios, como, obviamente, de xeito metafórico e/ou hiperbólico, ten escrito Eduardo Galeano nesa delicia de libro que é El fútbol a sol y sombra (1995), e tamén noutros lugares. Porque o fútbol, con algunha otra que deixo para mellor ocasión, é, realmente, a gran paixón dos residentes da República Oriental do Uruguai. Tiven a dita de experimentalo in situ. Adoro, pois, o fútbol. Como tamén adoro a escrita de Galeano. Non teño a menor dúbida de que o montevideano foi un escritor plenamente de esquerdas e ser de esquerdas no Uruguai, abofé, non é como entre nós, onde se di de esquerdas calquera nimiedade, desas de sentido común, que se saia do tradicional pensamento conservador. Desde esa perspectiva nitidamente de esquerdas, Galeano, ten criticado declaracións de intelectuais da esquerda descualificando o fútbol por entenderen que supuxo un atranco para que o proletariado acadase a conciencia de clase necesaria para o estoupido da revolución. Ao seu entender as vitorias de Peñarol non eran as culpables das derrotas da esquerda. Non podo menos que coincidir de cheo con el. Comparto, como non, as diferentes denuncias que fixo do funcionamento do fútbol como empresa e das estruturas de poder que ese proceder xerou.

Con relación a isto acabamos de asistir -antonte mesmo- ao que entendo que é o último dos despropósitos de abuso de poder no mundo do fútbol. Despois de moitas idas e voltas, dimes e diretes, arrancou a Copa América de xeito un tanto escandaloso. Porque outra cousa non é que o fixese nada máis e nada menos que no Brasil, territorio, sen dúbida ningunha, nada apropiado para celebrar eventos desa dimensión pola súa situación pandémica

Colombia e Arxentina ían ser as sedes do campionato. Colombia renunciou, aínda que non de bo grao. Quería aprazamento. Queixouse cando se falou de que o organizase en exclusiva Arxentina, que tiña unha situación sanitaria igual ou peor. Mais Arxentina si renunciou e, a bote pronto, apareceu Brasil, que, curiosamente, está moito máis exposto que calquera dos dous. Como non podía ser doutra maneira, comezaron a aparecer infectados a mogollón en todos os estamentos das seleccións. Messi, mesmo, mostrou a súa preocupación, manifestando as dificuldades de garantir seguridade. Caso omiso. A Conmebol tirou para adiante. Cando xa se superaran os 50 casos detectados, ao xogador boliviano Marcelo Martíns ocorreuselle formular nas redes estas preguntas: “¿La vida del jugador no vale nada?”, “¿Si se muere una persona que van a hacer?”, cuestións do máis sensato que se fai tanta xente. Mais, ao segundo xa tiña enriba, como cans doentes, os membros da comisión disciplinaria da Confederación Sudamericana de Fútbol, con todas as ameazas de sancións posibles. Ao seu entender cometera unha presunta “violación dos principios de conduta” e realizara, tamén presuntas, “manifestacións difamatorias”. Inaudito. Houbo, como non, sanción económica e deportiva. Inaudito. E ninguén di nada e todos seguen a xogar como se non houbese perigo ningún. Se cadra, habería que comezar a poñer en entredito este fútbol.


Mandar e calar