A peste esténdese polos despachos

|

Non é unha peste calquera, é unha ruína para a sociedade enteira, unha vergoña que anda polas residencias, polas prazas públicas, polos organismos oficias e que se introduce de maneira mala no pensar, no facer, no responder e, polo tanto, no actuar constante de algúns funcionarios, que reciben aos cidadáns cos minutos contados; cronometrados, se é na hora do café. Non hai reposta a nada, ofrecen consignas ou palabras sen contido, igual que aquel “vuelva usted mañana”, igual, tal cal, como se conta.

Ela estaba na súa mesa sentada, detrás dunha vertical con cristal ensombrecido, e notábaselle, ao engurrar a testa, que algo había. -“Séntese, señora. Cale e non grite, escoite!: teño uns minutos contados para atender o seu caso e nada máis”. -O meu caso é un expediente de principios da década pasada e que agora, ao parecer, teño que facer unha reclamación. -Efectivamente, estou lendo a resolución que lle enviamos, na semana pasada, e o que lle queda é reclamar, facer unha reclamación e presentala no prazo sinalado, para que a autoridade competente resolva.

Ha! Pero podo facerlle unha pregunta, cal sería o motivo da tardanza desta resolución recentemente ditada? -Non sei nada, a vostede quédalle -como digo- a vía do recurso. Recorra! Fágao por internet ou vaia a unha xestoría. -Moitas grazas, señorita. Con tanta internet sobran milleiros de funcionarias. Con tanta ineficacia, con tanto abuso, con tanta présa, tanto café e tanta burocracia, a cidadanía queda espida completamente e sen razón.

A vía do recurso, dicía a oficinista, aquela feiticeira e irritada operaria sentada, detrás do cristal, nunha cadeira tapizada de funcionaria, con máscara combinada coa camisa que levaba. Tiña carácter triste como a vidalita que lle gustaba, pero non paraba, aferrábase á lectura da resolución que enviaran e: “xa sabe, recorra, señora!, recorra no prazo estipulado, non deixe pasar máis tempo”.

A Tía Manuela sábeo por experiencia, “hai servidores públicos, a inmensa maioría, de enorme eficiencia, e hai funcionarios que non teñen perdón de Deus, séntanse ao quente, se é no inverno, e acenden o aire acondicionado cando queren o cuarto fresco”. Camilo José Cela referiuse nalgunha ocasión á ditadura do funcionario, unha peste que se estende polos despachos e pode matar a quen lle toque.

A peste esténdese polos despachos