O Gulliver Fest volve en agosto á área recreativa de Pedroso con música e actividades para todos os públicos

O Gulliver Fest volve en agosto á área recreativa de Pedroso con música e actividades para todos os públicos
Imaxe da primeira edición do festival, en agosto de 2019, pola que pasaron preto de 2.000 persoas | jorge meis

A segunda edición do Gulliver Fest, o festival da cultura viaxeira de Narón, celebrarase do 6 ao 8 de agosto na área recreativa de Pedroso. Volve tras unha exitosa experiencia en 2019 e o parón do ano pasado por mor da pandemia. Música e actividades de lecer para todos os públicos conforman o programa deste ano, organizado polo Concello a través das áreas de Turismo e Cultura coa colaboración da asociación FurgoGalicia.

Onte, os responsables de ámbalas dúas áreas, Natalia Hermida e Guillermo Sánchez Fojo, respectivamente, presentaron, canda os membros da entidade colaboradora, Ángel Sánchez e Martín Taibo, os detalles desta convocatoria que volve ter na música un dos seus principais reclamos.

Así, a xornada inaugural contará cos concertos –desde as 21.00 horas– de Kumpania Algazarra, The Soul e Jacket. O sábado haberá sesión infantil ás 12.00 horas a cargo de Gramola Gominola e ás cinco con Circanelo. Xa ás nove da noite subirán ao escenario La Regadera, Carla Green&The Demons e Fanfarria Taquicardia.

A programación musical irá acompañada doutro tipo de propostas, sinalaron os responsables de FurgoGalicia, como carreiras de orientación na mañá do sábado, sesións de xogos populares pola tarde e, desde as seis, as charlas viaxeiras, nas que as persoas interesadas –previa inscrición na web do evento, www.gulliverfest.es– poderán partillar as súas “experiencias viaxeiras” e proxectos. Tanto o sábado coma o domingo haberá sesión vermú e na xornada de clausura do festival, tamén ioga.

A organización pon a disposición do público unha zona de estacionamento para furgonetas, caravanas e autocaravanas –cun total de 156 prazas– nas inmediacións do muíño, mais para poder facer uso dela debererase facilitar unha serie de datos na web www.furgogalicia.org.

Á primeira edición do festival asistiron unhas 2.000 persoas.

O Gulliver Fest volve en agosto á área recreativa de Pedroso con música e actividades para todos os públicos

Te puede interesar