A ruta inglesa amosa o seu valor turístico en Primavera no Camiño

A ruta inglesa amosa o seu valor turístico en Primavera no Camiño
Presentación do talonario “Sabores ilustrados”, coa concelleira Eva Martínez e a directora xeral de Turismo, Nava Castro | j. meis

A feira promocional do Camiño Inglés Primavera no Camiño, que ía celebrarse en 2020 en Ferrol e que foi adiada dúas veces pola pandemia, desenvolverase por fin este sábado na praza de Armas. Tamén haberá actividades complementarias en Ferrol Vello, no barrio de Esteiro e en Caranza. Trátase dunha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e pola Deputación da Coruña na que participan os 16 municipios adheridos á entidade, que terán stands e ofrecerán os seus valores turísticos aos visitantes. En anos anteriores, esta feira celebrárase en Pontedeume e en Betanzos.

Gastronomía, patrimonio, goce da natureza, obradoiros infantís, música, fotografía e outros eventos culturais forman parte dun programa que se desenvolverá mañá e tarde. Para participar nas actividades, gratuítas, é preciso inscribirse por cuestións de aforo. Pode facerse previamente en info@caminoingles.gal ou o propio día.

No eido das presentacións, gastronomía e música, Ferrolterra propón un showcooking do cociñeiro Antonio Díaz (foodtruck Autga), protagonizado por unha “miniburguer peregrina do Eume”. Tamén se propón unha degustación de queixo e requeixo de Campo Capela con pan de Neda e un evento gastronómico protagonizado por Dani López, chef do restaurante O Camiño do Inglés. Troitas de Oroso, pan de Carral e proxectos náuticos de Abegondo e Miño completan este apartado, que inclúe maxia e música.

Os obradoiros infantís incluirán barro (coa ceramista Carme Romero), can de palleiro e tamén elaboración de pan.

Para un público adulto proponse tamén un obradoiro de instrumentos tradicionais e unha exhibición de fiandeiras. Ademais, realizarase en vivo un graffiti (a ilustradora Nana) e estará exposta a mostra “Viñetas do Camiño”.

Do porto de Ferrol sairán paseos en barco e tamén estará aberta a exposición fotográfica do concurso de fotografía dixital do Camiño Inglés.

En Esteiro, no cruce da avenida con Taxonera, proponse un espazo “photocall”. Os vinte primeiros recibirán un agasallo no stand do Concello de Ferrol. Na avenida do Mar de Caranza, Equiocio organiza un paseo en poni.

O obxectivo da xornada, indican os organizadores, é “poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta”.

A ruta inglesa amosa o seu valor turístico en Primavera no Camiño

Te puede interesar