No setenta cabodano de Ludwig Wittgenstein.

Ludwig Wittgenstein naceu en Viena o 26 de abril de 1889 no seo dunha acaudalada familia, que tiña un forte influxo na industria do ferro e do aceiro. Era o menor de oito irmáns. O seu fogar foi frecuentado por músicos, como os Brahms ou Mahler. O mesmo Ludwig tocaba o clarinete e mesmo pensou nalgún momento en ser director de orquestra. Un dos irmáns foi un excelente concertista de piano. Durante a súa estadía en Cambridge, Ludwig Wittgenstein era capaz de tararear oi asubiar unha peza completa de concerto, parándose de vez en cando a facer observacións aos seus acompañantes.

En 1906 matriculase como estudante na Technische Hoschschule de Berlin-Charlottenburg. Dous anos despois pasa como estudante investigador ao departamento de enxeñería da Universidade de Manchester. Alí chega a deseñar e planear a construción dun propulsor de reacción a chorro, que tanta importancia tería para a aviación.

Interesado na Matemática e os seus fundamentos, marcha a Cambridge e contacta con Bertrand Russel, que traballaba nos Principia Mathematica. Da primeira entrevista diría Russel máis tarde que quedara perplexo, que non sabía se estaba diante dun tolo ou dun xenio. Pronto se decataría que era un xenio.

Participa na Primeira Guerra Mundial co exército austríaco. Na súa mochila leva o Tractatus , que remata durante a contenda, entre o asubío das balas e canóns de artillería. Prisioneiro dos italianos en Montecasino, logra facerlle chegar unha copia a Bertand Russell e a Frege. Trátase dunha obra curta pero moi densa, que deu para discutir durante anos a filósofos e científicos do “Círculo de Viena”. Mentres tanto, Wittgenstein, pensando que con ela quedaban solucionados os problemas da filosofía, retírase do escenario filosófico-científico e vaise a traballar como xardineiro dun convento e logo como mestre en dous pobos descoñecidos, pese a insistencia dos seus colegas e amigos para que retornase á Universidade.

Será en 1929 cando volta a Cambridge. Nomeado fellow do Trinity, da clases nunha habitación a un reducido número de alumnos. As clases son esgotadoras nun constante esforzo por crear en interacción cos alumnos. Atrás quedaran xa as ideas do Tractatus. Agora empeza a análise da linguaxe común, os xogos da linguaxe, que dará orixe ao que se chamará a Filosofía analítica, que se verá reflectida en publicacións póstumas, como as Investigacións filosóficas ou os Cadernos marrón e azul.

Ese home que viviu ao borde do abismo, en permanente loita contra todo convencionalismo expiraba o 28 de abril de 1947 na casa do Dr. Bevan. . Antes de perdela conciencia díxolle á señora Bevan “dígalles que tiven unha vida marabillosa”.


No setenta cabodano de Ludwig Wittgenstein.

Te puede interesar