“Galicia en foco“ en Mugardos

Neste intre no que me están a ler, a exposición de fotoxornalismo “Galicia en Foco” está en Mugardos, a miña vila. E isto foi posible pola boa predisposición da “Asociación Apelón Educación” que está desenrolando unha exhaustiva actividade cultural, un formidable activismo neste campo digno de ter en consideración. ¡Que importante é o traballo a prol da Cultura! Hai tamén outras entidades que colaboran para facilitaren as cousas, neste caso a Confraría de Pescadores poñendo á disposición o seu local no Paseo Marítimo pois aínda non contamos na vila cun edificio destinado a estes fins: exposicións, teatro, música, etc, co que xa contan outras vilas de menor entidade que Mugardos. 


A exposición de fotoxornalismo “Galicia en Foco” xa está na súa 29 edición. O Club de Prensa de Ferrol no cesou no empeño de manter esta mostra que, ao dia de hoxe, é a máis importante xuntanza de fotógrafos de prensa coa que conta Galicia. Fotógrafos que publican en diferentes medios e que reflexan nas súas instantáneas retallos do acontecido en Galicia con propostas que van desde o político, deportivo, tradicións, festas, laboral, ata calquera suceso que afecta ao devir cotián na nosa terra.


Como mugardés estou ledo de que sexa na miña vila onde esta exposición inicia o seu itinerario por Galicia logo de pasar por Ferrol coma é tradicional. Exponse hoxe nunha vila modesta coas posibilidades loxísticas propias das carencias en infraestruturas, pero cunha vontade digna de encomio por parte dunha organización cultural que fai realizable o máis difícil: proporcionar á cidadanía a posibilidade de dispoñer de actividades culturais moitas veces sen máis axuda que a férrea vontade de empeñárense en levalas a cabo. Nun intento encomiable de que esta oferta cultural chegue a toda a xente de Mugardos, a “Asociación Apelón Educación” vaina levar ao Seixo, local de Amigos da Paisaxe, e despois a Franza ao seu Casino. 


Algunhas persoas verán fotos nas paredes, sen máis, e daranlle a iso a importancia que queiran darlle pero é interesante subliñar e reiterar que estamos diante da máis importante exposición de fotógrafos de prensa que ten lugar en Galicia e a xente debe coñecer o traballo de información que realizan estes profesionais moitas veces en precarias condicións. 


Grazas aos que fan posible que “Galicia en Foco” se mova por aquí e acolá. A Cultura estará aí esperando á xente que a divulgue. Parabéns para os que o fan posible e ¡adiante!.

“Galicia en foco“ en Mugardos

Te puede interesar