A mochila europea

mochila é, como sabemos, esa bolsa que se leva ao lombo, colgada dos ombreiros. Pode verse como obxecto pesado, un lastre que é moderna cruz coa que cargamos ás costas ou tamén bens e fortuna que transportamos para facer dela un demorado e ulterior uso proveitoso. Sexa como for, a mochila é metáfora ben acaída para abordar iso que coñecemos polos fondos europeos para a recuperación do negativo impacto Covid-19, rotulados como Next Generation, NGEU; un tema do que, co regueiro de tinta gastado arredor da opinión sobre eles, cansa un pouco tratar. 


A súa ambición teórica amosa que sobre o papel cabe todo, así a pretensión é “impulsar o crecemento económico e a creación de emprego, recuperar e reparar os danos das crises ocasionadas pola pandemia, e promover un proceso de transformación estrutural mediante o impulso produtivo, a aceleración da dobre transición ecolóxica e dixital, e o reforzo e aumento da resiliencia e da cohesión económica, social e territorial no marco do mercado único europeo”.
Nobre pretexto, con matices que habelos tamén hai sobre a definición teórica, que resulta un repto ben desproporcionado en relación aos medios económicos, organizativos e de xestión tan cativos que a elo se destinan. No asunto, alén da propaganda e da verborrea ministerial, agóchase que máis unha vez na última década, a economía privada, as grandes empresas ou corporacións e máis os oligopolios de sectores básicos van ser rescatados con diñeiro público. Tempo ao tempo. 


Así e todo, a río revolto, outra vez máis fóra da súa competencia natural, o Banco de España vén de publicar un informe no que se inclúen un fato de reformas que considera necesarias para relanzar a economía estatal trala pandemia vírica. Daquela, como é habitual nas súas profecías, vaticinios e augurios, entra a saco sobre a reforma das pensións públicas; e, indo máis alá do manifestado polas voceiras do goberno, acentúa a proposta de poñer a camiñar xa a considerada “mochila austríaca”; e dicir, o sistema para reducir o custo ás empresas do despedimento das e dos traballadores, co mecanismo de crear unha conta a seu nome na que incluír uns determinados ingresos que nos acompañarían na mudanza laboral, no paro e nun novo traballo.


O plan é facelo agora cunha boa tallada deses fondos, arredor de 9000 millóns de euros, para comezar poñendo ao día os dereitos pasados; causando así unha nova perda laboral. Coidado.

A mochila europea

Te puede interesar