A inmunización dos menores de 60 anos continúa hoxe despois de administrarlles xa máis de 2.000 vacinas

A inmunización dos menores de 60 anos continúa hoxe despois de administrarlles xa máis de 2.000 vacinas
O de onte foi o día da semana con máis vacinacións e o segundo desde que empezou o proceso | daniel alexandre

O Día da Enfermaría celebrouse na área sanitaria de Ferrol con moito traballo. Os equipos que vacinan á poboación contra o coronavirus volveron vivir unha xornada frenética en FIMO, con 3.800 doses de Pfizer postas, que coinciden coas segundas inoculacións dos veciños de hai tres semanas, que acadan así a pauta completa. O de onte foi o segundo día no que se dispensaron máis inxeccións no que levamos deste proceso de inmunización. Os 14 postos habilitados funcionaron a pleno rendemento mañá e tarde. Na área sanitaria de Ferrol traballan máis de 600 profesionais de enfermaría, cuxa importante labor está sendo esencial durante a pandemia. A dirección do servizo sumouse á celebración no recinto ferial.


A vacinación, que protexe contra a enfermidade grave (e tamén, segundo os estudos recentes, reduce a posibilidade de transmisión) continúa marcando fitos. O martes principaban as inxeccións aos menores de 60 anos. Puxéronse 2.100 vacinas de Pfizer e hoxe continuarase con este grupo de idade, empezando polos maiores e descendendo a partir de aí. Faise porque xa se dá por practicamente concluída a inxección da primeira dose de Astra Zeneca aos que teñen entre os 60 e os 69 anos.


Ao mesmo tempo proseguen as inmunizacións en domicilio con Janssen (unha soa dose) e Pfizer e aplícanse primeiras e segundas doses de Moderna no punto de vacinación do Arquitecto Marcide. Nesta semana, segundo indican desde a Área Sanitaria, poranse, de luns a venres, 12.500 vacinas.


En total, na área sanitaria hai 35.272 persoas que teñen completada a súa pauta, na súa maioría con dobre dose. É case un 19% da poboación total das tres comarcas (187.859 persoas segundo o padrón). En torno a un 40% terían polo menos unha dose.


Incremento de casos

A pandemia, malia o avance da vacinación, segue presente e o número de casos activos volveu subir do cento de persoas (en concreto, 101) nas cifras facilitadas onte polo Sergas. Houbo 19 casos novos detectados mediante PCR entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. É un número moi superior ao rexistrado nas últimas semanas e supón que haxa concellos que levaban meses sen positivos que agora rexistran casos de novo. Abandonan esa lista privilexiada A Capela (que levaba máis de tres meses sen diagnósticos), Monfero (tamén con case un trimestre libre de covid), Valdoviño e As Pontes. Na actualidade quedan tres aínda nesa situación: Cabanas, Moeche e As Somozas.


A área sanitaria de Ferrol, porén, ten os seus vinte concellos coas restriccións medias-baixas, sen que o comité clínico decidira polo de agora subir este nivel de risco e tomar medidas máis duras respecto dos aforos.


As boas novas chegan tamén na hospitalización, que baixou de oito a cinco persoas con covid activo no Arquitecto Marcide, unha delas na UCI. Tamén se mantén a cifra de falecidos desde o inicio da pandemia en 217.


Nos centros de ensino a situación continúa estable, cun positivo máis que no día previo (chegando a once) e con dúas aulas pechadas, a que xa estaba na escola infantil Virxe de Chamorro e outra no CEIP Mosteiro de Caaveiro, na Capela.

A inmunización dos menores de 60 anos continúa hoxe despois de administrarlles xa máis de 2.000 vacinas

Te puede interesar