Manuel Cendán: “Os artigos de prensa déronme as ferramentas para facer poesía”

Manuel Cendán: “Os artigos de prensa déronme as ferramentas para facer poesía”
O libro preséntase o vindeiro martes, 18 de maio, ás sete e media, no Centro Cívico de Canido | jorge meis

O poemario “A Terra Infinita” supón unha estrea por partida dobre. Dunha banda, a do seu autor, Manuel Cendán, traballador de Megasa e activista, no eido da lírica. Da outra, o debut da editorial que o publica, Balea, que enceta con este volume a súa propia andaina.


Son corenta composicións, metade en castelán, metade en galego, nas que Cendán plasma o seu compromiso político e social e, tamén, as paixóns e as relacións humanas, “coa muller de fondo”, explica.


O volume, que xa está á venda nas librarías da cidade e da súa contorna, presentarase o vindeiro 18 de maio, ás 19.30 horas, no Centro Cívico de Canido, con aforo limitado mais coa posibilidade, para que non poida asistir, de seguilo vía streaming.


“A Terra Infinita” comezou a coller forma no verán de 2019. Foi entón cando Cendán pensou que chegara o momento de dar un paso adiante. “Sempre escribín cousas”, apunta, “mais tamén é certo que todos estes anos como columnista de Diario de Ferrol axudáronme a ter as ferramentas para expresar esas emocións e sensacións que trato de reflectir nos poemas”. Así, o autor incide en que “esa experiencia acumulada a través dos artigos na prensa levoume a decidir que era o momento indicado para facelo, de materializar todo iso que levaba anos bulindo na cabeza. E así foi como naceu este libro”.


Perto dun ano transcorreu entre as primeiras pinceladas e a súa versión definitiva. “Houbo moitas”, explica, “e foi o verán pasado cando xurdiu a posibilidade de publicar nesta nova editorial, á que lle quero agradecer a oportunidade de editalo non só polo momento complicado que é, senón tamén por se tratar dun xénero, a poesía, minoritario en relación coa narrativa, por exemplo”.


As relacións e o compromiso

No que respecta á temática, Cendán sinala que “hai un pouco de todo: relacións persoais e compromiso social e político”, aspecto este último “fundamental na miña vida”, engade, “e, polo tanto, creo que neste sentido o poemario reflicte unha coherencia” coas opinións que semanalmente traslada aos lectores de Diario de Ferrol nas súas columnas. “Para a xente que segue os meus artigos”, precisa, “pode resultar novidoso verme escribir poesía, mais para min é algo natural. Só que agora, o estar afastado de cargos orgánicos no ámbito da política permitiume ter máis tempo para centrarme na creación literaria”, remata.

Manuel Cendán: “Os artigos de prensa déronme as ferramentas para facer poesía”

Te puede interesar