Música e pintura, da man na exposición “AcercArte” de Eva Cayetana Somolinos

Música e pintura, da man na exposición “AcercArte” de Eva Cayetana Somolinos
A artista, á dereita, durante a actividade desenvolvida onte no colexio San Isidro

Música e pintura camiñan da man en “AcercArte”, a innovadora proposta ideada pola nedense Eva Cayetana Somolinos Olmo na que o público pode gozar de fieis réplicas de cadros de sona mundial acompañadas das melodías que a propia artista creou inspirándose nas vintecatro pinturas reunidas na mostra. Busca así ofrecer unha experiencia máis reflexiva, activa e profunda arredor dalgunhas das obras mestras de grandes pintores da Historia da Arte e que son innaccesibles, de xeito presencial, para a gran maioría da poboación.


Con este proxecto persoal, quere así contribuír á difusión dunha colección en favor do enriquecemento cultural da sociedade achegando unha experiencia “novedosa, innovadora e única”, tal e como salienta na páxina web do proxecto.


Un proxecto do que xa están a gozar os escolares do municipio. Tralo seu paso a pasada semana polo colexio Maciñeira, “AcercArte” desembarcou onte no CEIP San Isidro. Alí, alumnado de Primaria participou no percorrido guiado por algunas das grandes obras mestras da pintura universal, que Eva acompaña das súas propias composicións musicais. A artista estivo acompañada polo alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e pola concelleira de Educación, Ángeles Puentes. O público xeral, pola súa banda, poderá visitar tamén esta interesante iniciativa desde este mesmo venres, día na que a exposición será inaugurada na Casa das Palmeiras de Neda, onde permanecerá ata o día 19 (en horario de 17.30 a 20.00 horas e fins de semana e festivos tamén polas mañás, de 11 a 13 horas).


Estudante de último curso do Grao Profesional nas Especialidades Instrumentais de Viola e Piano, e alumna de Historia da Arte, Eva aborda nas actividades cos escolares a sinestesia, coa finalidade de que poidan entender como relaciona os cadros coa música a través das cores. 

Música e pintura, da man na exposición “AcercArte” de Eva Cayetana Somolinos

Te puede interesar