Tolerías

Hai un par de semanas falaba eu, tentando botarlle un pouco de humor ao asunto, da hipotética posibilidade de que Madrid declarase a independencia, a xulgar pola guerra da señora Ayuso contra do señor Sánchez. Agora a cousa presenta outro aspecto, pois o presidente do Madrid seica quere facer unha súper liga de fútbol e, xa hai quen pensa que se trata de salientar a supremacía “madrileñista”. Se cadra, tamén iso é un xeito de independizarse, porque a día de hoxe, ata o fútbol anda mergullado na economía, na política, na “geoestratexia” e todo iso. Mágoa non ter amizade con don Florentino, para pedirlle que metera ao noso Rácing nese súper grupo. Esa si que sería unha boa xogada, moito mellor que as novas fragatas e o novo dique, que só nos traerían traballo. E xa me parece estar vendo ao noso presidente don Xosé Criado falando de negocios co dirixente madridista na tribuna da Malata. E despois, (por que non?), declarando a independencia para o noso ferroliño. Ben, a lo mellor, iso sería pasarse un pouco, pero xa se sabe que o pedir non ten cancelas, e se os cataláns os vascos e os madrileños queren ser “distintos” paréceme ben, pero non son nin mellores, nin máis listo nin máis guapos que nós, así que... Tolerías? Por suposto, pero non todo vai ser falar do virus. Digo eu.

Tolerías

Te puede interesar