Marilar Aleixandre: “O feminismo de Pardo Bazán ten un alcance moito máis teórico do que se cre”

Marilar Aleixandre: “O feminismo de Pardo Bazán ten un alcance moito máis teórico do que se cre”
Marilar Aleixander

Ás 18.30 horas comeza na Casa da Cultura de Neda a ponencia de Marilar Aleixandre e María López Sández sobre o feminismo de Emilia Pardo Bazán no marco das Xornadas Literarias dedicadas á autora de “Los pazos de Ulloa”.


Veñen de presentar na RAG o libro “Movendo os marcos do patriarcado”. Que destacan do feminismo de Pardo Bazán?

Algo que descubrimos escribindo o libro: que ten un alcance máis teórico do que se dá a entender porque nos seus escritos identifica os fundamentos da discriminación. Ás veces, cando se fala de machismo, discriminación ou os teitos de cristal, parece que é un fenómeno meteorolóxico, e non, claro: hai unha cousa que se chama patriarcado. No tempo de Emilia esa palabra non existía, pero ela fala de asasinatos de mulleres, mesmo de “mullericidios”. Sostén que o home, por ser home, crese dono da vida e da morte das mulleres. Isto non é unha formulación literal, pero con distintas palabras dio en varios sitios, como no “Congreso Pedagógico” –1892– ou nun artigo de “La Ilustración Artística”. Neles, e noutros, sinala tamén a dobre moral: permitirlles aos homes cousas que se prohíben ás mulleres, como o ensino, vetado para elas non só na universidade, senón tamén nos institutos ata 1910 –antes só podían cun permiso do director–, non o esquezamos.


Tamén abordan o xeito de denuncialo, co emprego da retranca...

É unha muller con moitísima retranca, unha muller que gozaba da vida en todos os sentidos, polo que non só reivindica e protesta pola violencia contra as mulleres, tamén o fai empregando o humor, como se ve nunha carta e lle escribe ao matrimonio de Carmen López-Cortón e Manuel Bartolomé Cossío, logo de teren a súa primeira filla. Alí dilles: “Iré a conocer a esa criatura, a la cual deseo que Dios le haya dado un aire como el de Dulcinea, muchísimo marimachismo, bigote, entrecejo, unas manos como libros de coro, el genio de una fiera y las ideas más demagógicas y subversivas en cuanto a las relaciones de las dos mitades del género humano” (1894). Paréceme un exemplo do realmente subversiva que é cos estereotipos, como cando fala sobre fumar. Relata a detención dunha muller porque estaba fumando “desvergonzadamente” nun lugar, di ela, onde había moitos homes fumando “con muchísima vergüenza”. É dicir, que aparte de falar da dobre moral de forma teórica, ela aplícaa a cousas da vida real. Emilia ten toda esa carga teórica absolutamente novidosa e rompedora e nese tempo vai moi por diante dese feminismo que agromaba.


Hai prexuízos á hora de falar sobre o seu carácter e mais a súa personalidade?

No libro dicimos que era unha muller moi contraditoria e conflitiva, pero é que hai moitos homes que tamén o son. Era complexa e tiña unha personalidade moi forte e a idea que hai de todas as mulleres que a teñen –e isto ocorre agora tamén– é que son terribles, antipáticas, arrogantes e vaidosas. Emilia tiña a ambición de entrar na Academia e resulta que isto nunha muller estaba mal visto, pero non así nos homes. Ela dicía algo moi fermoso: que calquera persoa que teña actividade intelectual debe sinalar cun rastro de luz o seu paso polo mundo.


Inciden moito no contexto e nas dificultades de moita xente para comprender a súa época...

É que hai que poñer as cousas no contexto e cremos que hai xente que esquece axiña o que pasaba a finais do XIX e comezos do XX. As escritoras publicaban anonimamente, como Jane Austen ou logo as irmás Brontë... Daquela considerábase que unha muller que saíra ao espazo público co seu home era como someterse á ollada de homes que non eran nin o seu marido, nin o seu pai, nin os seus irmáns...


Creo que á xente cústalle imaxinar ese mundo. Poñían seudónimo de home, como en España Cecilia Böhl de Faber, que asinaba como Fernán Caballero. Todo o mundo sabía que era unha muller, pero asinaba así. As mulleres tiñan que ser anónimas e Pardo Bazán metíase a debater cos homes, como no ensaio “La cuestión palpitante” ou en novelas de mulleres con relacións adúlteras, prematrimoniais ou sendo viúvas... Ela non se cinguía en nada ao estereotipo que nese momento se lle asignaba ás mulleres. Tamén se lle criticaba que non coidara dos fillos, e iso non é certo. Aleitou os seus fillos, algo que nas mulleres fidalgas do XIX era rarísimo porque tiñan amas de cría. E Pardo Bazán si que o fixo. Aí vemos de novo a dobre moral, pois dubido moito que a xente saiba dos grandes escritores cantos fillos tiveron ou se lles fixeron moito caso... Falo de Pardo Bazán ou de Concepción Arenal, da que se di que tamén era arrogante porque era unha pensadora... Ás mulleres, se escriben poesía, pode perdoárselles a vida, pero ai se escriben ensaio! 

Marilar Aleixandre: “O feminismo de Pardo Bazán ten un alcance moito máis teórico do que se cre”

Te puede interesar