Exponav redistribúe os seus fondos para mellorar a experiencia da visita

Exponav redistribúe os seus fondos para mellorar a experiencia da visita
Os restos da fragata “Magdalena” son unha das xoias do museo que verán resaltada a súa presenza | exponav

O Museo da Construción Naval está a acometer na actualidade a reordenación de parte dos seus fondos co obxectivo de mellorar a experiencia da visita e ofrecer información completa sobre cada unha das pezas da exposición.


As tarefas, coordinadas pola museóloga Cristina Vidal Ruzo, consistirán na redistribución dos recursos dispoñibles e na incorporación doutros novos. Así, dedicarase un amplo espazo da nave central do baixo do edificio de Herrerías á carpintería de ribeira. De feito, algúns dos barcos de madeira que se atopaban no primeiro andar xa están no seu novo emprazamento. Nos vindeiros días desenvolveranse pequenos traballos de pintura e restauración para presentar o material nas mellores condicións. Ferramentas, un banco de carpinteiro e paneis explicativos sobre o proceso de construción, desde o casco ata as velas, tamén formarán parte deste novo espazo.


Nos últimos días colocouse tamén a carón do pecio da fragata “Magdalena” –século XVIII– unha vitrina con restos de elementos que se retiraron do seu casco durante a restauración do 2018, como cunchas, restos do molusco coñecido como “broma” polos estragos que provocaba nas embarcacións de madeira, ou brea, entre outros. Este espazo completarase con imaxes do pecio.


O primeiro andar centrarase na construción naval dos séculos XVIII e XIX. Xunto á mostra sobre a historia dos estaleiros ferroláns e de faros e sinais marítimos, incorporaranse novas pezas, como é o caso dunha maqueta do estaleiro do século XVIII que o especialista do museo, Tono Loureiro, está a piques de rematar.


A Fundación Exponav traballa coa intención de mostrar todas estas novidades antes de que comece o verán.

Exponav redistribúe os seus fondos para mellorar a experiencia da visita

Te puede interesar