Autor dunha prolífica obra de literatura infantil e de recuperación popular –entre os seus numerosos traballos, e só por mencionada algún, inclúese a espectacular “enciclopedia” de brinquedos “Tastarabás”–, Antón Cortizas segue a “enredar” coas palabras e con todo ese material da tradición oral que, por desgraza, di, “está bastante perdida pero que aínda estamos a tempo de recoller”. A iso precisamente leva dedicadas moitas horas da súa vida este mestre ferrolán ao que agora deulle por volver “xogar” coas adiviñas. “Teñen un aspecto lírico moi interesante. É un xogo literario moi bonito”, di.
O resultado do seu traballo é o libro “Adiviña esta adiviña”, que onte presentou no Centro Cívico de Canido, o seu barrio natal. “E un libro para enredar, para brincar con el, coas palabras, co noso idioma, que tan necesitado está de que o utilicemos”.
Agrupadas en diferentes categorías, hai unha gran variedade de enigmas. Desde as xenéricas, ás máis breves, ou as que se resolven mediante cálculos matemáticos. “Parece mentira que hai adiviñas de tradición oral que para resolvelas hai que facer mentalmente como unha especie de ecuación de primeiro grao”, salienta. Hainas tamén máis “historiadas”, nas que a solución non é unha simple palabra nin un obxecto, senón unha acción. O libro inclúe ao final, ademais das solucións, varias páxinas en branco para que o lector rexistre as súas propias achegas “e se faga así tamén autor do libro”.
Recolla
Precisamente da participación das persoas bota man a miúdo o autor para os seus traballos de recolleita da tradición oral. Neste novo libro aparece así un fato de adiviñas creadas en 2019 por escolares de 5º e 6º de Primaria do colexio Isaac Peral no marco dunha actividade que lles impartiu durante varias sesións. “Son preciosas, teñen prestancia”, afirma.
O libro reúne arredor de trescentas adiviñas e o autor xa ten material para outro libro que, probablemente, sairá o ano que vén. Porque, aínda que “xa van moitos trienios enriba dun”, bromea, o seu compromiso coa cultura galega segue intacta: “a miña vida está en parte dedicada a salvar esta cultura que temos e que se nos está indo; e estes traballos son unha maneira de estimular entre a rapazada o uso tan bonito que ten o noso idioma, como calquera outro, pero este é o noso”, afirma. A obra, publicada por Galaxia, foi ilustrada por Pepa Prieto.