Vacinas seguras para tod@s

|

As ferramentas que se están a empregar fronte á pandemia alicérzanse na prevención (distancia interpersoal, uso xeralizado das máscaras, pulo ao teletraballo, control de aforamentos nos establecementos públicos e mesmo restricións xerais á mobilidade das persoas) e e no vacinamento xeral. As ferramentas de prevención restritiva reducen substancialmente a actividade económica, constituíndo o vacinamento xeral a fórmula acaída para acadarmos a inmunidade de grupo que permita o progresivo afrouxamento das medidas restritivas para lle dar pulo á recuperación económica.


O problema é que o vacinamento, para seren eficiente, require a súa xeral disposición no nível mundial. Que USA ou o Reino Unido (axiña) ou a UE (nuns 5-6 meses) acaden a inmunidade de grupo non resolve o problema para a poboación dos países en vías de desenvolvemento, mais tampouco para a propia poboación europea, norteamericana ou británica. Semella que as vacinas de hoxendía actúan de xeito eficaz contra o virus británico, mais as dúbidas son substanciais a respecto das variacións brasileira ou sudafricana. Con centos de millóns de persoas na América Latina, Asia ou Africa sen vacinar, unha destas variacións podería espallarse á nosa Europa a fins deste ano ou primeiros do vindeiro, obrigando quizais a unha nova campaña de vacinamento. No eido da economía as resultas poderían ser brutais.


Xa que logo, vacinar a todo o “mundo mundial” non é só unha esixencia ética ou humanista. É unha cuestión de puro egoísmo. Velaí que haxa que ter en conta o pedimento de 99 Estados (coa India e Sudáfrica á fronte) á Organización Mundial do Comercio (OMC) de suspender o exercicio dos dereitos de propiedade industrial (patentes) da industria farmacéutica en canto remaneza presente a pandemia. Médicos Sen Fronteiras (MSF) lembra que o estrangulamento está na fabricación, tese abertamente contraria á da Comisión Europea, que pon o foco en cuestións loxísticas que tampouco poden ser esquecidas. A cuestión é complexa, mais cómpre lembrar que hoxe a suspensión de patentes só é rexeitada pola UE, USA, o Xapón, Australia, Canadá e Suiza.


A outra cuestión é a seguranza das vacinas. A Axencia Europea do Medicamento ven de dicir, con xeito, que en liñas xerais os casos moi graves de efectos negativos da vacina Astra-Zeneca (seica uns catro por millón) non xustifican ningunha restrición ao seu uso. Restrición que, en troques, si que teñen imposto algúns Gobernos estatais e autonómicos europeos.


Porén, nunha democracia as vacinas non se xustifican só polo seu efecto positivo xeral, mais tamén pola presenza deste efecto en grupos concretos de persoas, por idade e características clínicas. Se esta cativa incidencia, en termos xerais, dos efectos negativos da vacina Astra Zéneca convértese nunha incidencia moito máis salientábel nun colectivo concreto como o das mulleres entre 25 e 45 anos ( de primeiras relativamente alleo ás peores evolucións da Covid-19) a cidadanía ten dereito a coñecer o seu perfil de risco e decidir usando dunha información canto máis cumprida.


Vacinas si. Mais vacinas para tod@s e vacinas seguras en cada sector de idade e características clínicas.

Vacinas seguras para tod@s