Estimado Néstor. Lamento sinceramente as túas declaracións do pasado luns, sobre a liña Ferrol - Coruña que realizaches na estación de Betanzos, e tamén sinto que nesa foto estivese Paco Jorquera, xa que sabes que vos teño un aprecio persoal de moitos anos e vos considero xente o suficientemente seria, para non facer declaracións tan pouco rigorosas como as que apareceron nos medios de comunicación. A este respecto, gustaríame aclarar algunhas cuestións.
Primeiro, criticar que o Partido Popular nunca fixo nada cando José Manuel Rey Varela foi un dos principais defensores e impulsores na súa época de alcalde, ou que Ángel Mato, actual alcalde, só fai estudos, cando está a liderar o proceso cunha ilusión e visión estratéxica encomiables, resulta estraño de quen nunca plantexou este tema e só saídes cunha foto reivindicativa, precisamente despois de que Ángel Mato e Inés Rey puxesen sobre a mesa a modernización desta liña con propostas concretas. Aínda máis, cando negociaches o apoio do BNG á investidura de Pedro Sánchez, no paquete non incluíches nin a liña Ferrol - Coruña nin a saída sur de Vigo, por non falar xa das liñas do interior. En segundo lugar, resulta sorprendente que se critique a elaboración dun informe e que se contrapoña coa existencia de partidas orzamentarias para a obra, xa que é tanto como promover a actuación sen preocuparse de como debe facerse e canto costa. Ti, que es deputado, sabes perfectamente que aínda que é certo que o relevante é a existencia de partidas orzamentarias (aínda cando iso non implique que se executen), non é serio fixar ditas partidas orzamentarias sen unha análise rigorosa de canto custa a obra en función de como é máis adecuado facela. Porque o contrario leva a pensar que a reivindicación non ten un substrato real, senón que responde exclusivamente a medidas electoralistas de corte populista.
En terceiro lugar, ti sabes perfectamente que o by pass que agora reivindicas é un simple desvío de atención por parte do goberno central, para non entrar na solución definitiva que é a que nós propomos a partir da análise de expertos ferroviarios e non de “mitineros callejeros”. E esa solución pasa exclusivamente por unha liña en condicións que permita non só a chegada do AVE a Ferrol como estaba previsto, nunha liña que non esquezamos se denominaba Ferrol - fronteira portuguesa, senón tamén lanzadeiras competitivas en media distancia, que poñan Ferrol e Coruña a 40 minutos con paradas intermedias. O by pass apenas aforrará 6 ou 7 minutos, co que o traxecto seguirá excedendo a hora e por tanto non sendo competitivo. E xa non falemos das mercadorías, nas que se xoga o futuro do porto de Ferrol que é tanto como dicir unha parte fundamental do futuro económico de Ferrolterra.
Por último, e polo que respecta a responsabilidades, eu que levo uns cuantos anos nisto e non teño dependencias partidistas, pódoche asegurar que ningún partido dos que tedes representación parlamentaria en Madrid e en Galicia, nunca fixestes nada neste tema, e só os alcaldes antes citados se implicaron. Dou fe porque ambos o fixeron e o fan utilizando os recursos do Eixo Atlántico. Pero claro, ao final os que podedes influír no goberno, sodes os deputados, que sodes os que co voso voto posibilitades as investiduras, como fixeches ti no caso do actual Presidente do goberno, Pedro Sánchez. Non te esquezas Néstor, que o teu partido compartiu responsabilidades na Xunta de Galicia co PSdG cando en Madrid gobernaba Rodríguez Zapatero. E se non recordo mal, nada se conseguiu naquela época en materia ferroviaria, salvo naturalmente as promesas do AVE que aínda non chegou a Galicia, e a orde de levantar as tuneladoras no barrio de San Lorenzo de Vigo, anulando a saída sur que xa estaba aprobada.
Se non recordo mal, Paco Jorquera era deputado en Madrid naqueles anos. Por iso creo que sería máis sensato e honesto que analicedes o noso informe con calma, e que vos sumedes á dinámica que tanto Ángel Mato como Inés Rey están a impulsar para conseguir un tren competitivo e moderno, entre Coruña e Ferrol. Porque neste proceso cabedes todos e todos sodes necesarios. Dígocho desde o aprecio persoal que vos teño a ti e a Paco Jorquera desde hai anos.