Joám L. Ferreiro: “Este sistema de depuración non é eficaz; mellora a situación, pero non resolve o problema”

Joám L. Ferreiro: “Este sistema de depuración non é eficaz; mellora a situación, pero non resolve o problema”
Ferreiro Caramés é o autor do traballo “Unha proposta para a ría de Ferrol” | j. meis

Aínda que recoñece que é moi difícil coñecer todos os motivos da caída da produción marisqueira da ría, o biólogo Joám Luís Ferreiro cre que o efecto combinado de verteduras de augas residuais e recheos constitúe unha das causas principais de por que se ten chegado a esta situación.


Que papel xoga o Perkinsus olseni na caída da produción de ameixa babosa?

O Perkinsus non é novo e non afecta só á ameixa babosa. Tense detectado a súa presenza na fina, provocando mortandades importantes, pero non polo parasito en si, senón cando coincidían os desoves coas tempadas de moita calor, é dicir, cando están débiles. O Perkinsus, como parasito que é, non está aí para matar hóspedes, senón para vivir deles, e mata a ameixa, digamos, sen querer. Na babosa detectouse o ano pasado e se morre polo Perkinsus é porque está debilitada por algo que non coñecemos. Preocúpannos as condicións que fan que a babosa estea débil e que morra agora cando antes non o facía.


Cales poderían ser esas causas?

Fomos acumulando moitos ataques á ría desde hai décadas e agora calquera factor extra –aínda que o Perkinsus sempre estivo aí– pode, como así é, provocar o colapso. É verdade que a depuración, aínda sen ser a ideal, está aí e produciu unha mellora, sen dúbida. O problema é que o mal está feito: a destrución do substrato na maior parte da ría, un sistema de depuración unitario que reduce o aporte de auga doce...


A conexión da Malata á EDAR axudará a solucionar o problema?

Non. Ademais da Malata, que segue sendo zona C e mesmo ten unha área sen clasificar –algo único en Galiza–, temos outra zona, o GAL 03/08-1 (de Caranza a Navantia Fene) que tamén é C malia estar xa conectada á rede. Que máis se pode facer aí? Penso que o sistema de depuración non é eficaz porque, aínda que serve para mellorar a situación, non resolve o problema.


Hai que renunciar a ter unha ría zona A?

Non temos que renunciar a nada e se eu fixen este traballo é precisamente porque creo que non debemos renunciar a nada. Agora ben, con este sistema de depuración unitario non imos ter unha ría A porque o obxectivo da Xunta é ter unha ría B. Que se constrúan redes de depuración para ter zonas B –por certo, ningún dos bancos marisqueiros do interior das rías galegas é zona A– non me entra na cabeza cando case toda a costa mediterránea é A, sen ter desde logo unha produción marisqueira como a nosa. Para conseguir unha ría A o sistema de depuración ten que ser outro.


Sinala os recheos como factor deste deterioro. Onde se debe actuar?

A proba evidente de que a situación actual desta ría é unha mestura de vertidos e recheos é que isto mesmo non acontece noutras rías coa mesma ou máis contaminación por verteduras. Aquí temos barreiras que dificultan o intercambio de augas e os vertidos acumúlanse sobre o substrato degradando o fondo. As mareas grandes da semana pasada deixaron a ría practicamente en seco á altura de Neda, podería cruzarse cun pantalón remangado, e iso é consecuencia dos vertidos. Os dragados non teñen sentido se antes non se desmontan as infraestruturas que provocan esa acumulación de materia orgánica. Custará diñeiro, pero hai que pensar a longo prazo. Por exemplo, modificar a avenida das Pías facendo ponte de beira a beira, igual que a ponte do tren, ou eliminar as Pedras de Caranza, que non teñen sentido ningún porque se queremos un paseo, non podemos facelo a costa da enseada; e se queremos un acceso ao pantalán, actualmente hai infinidade de estruturas flotantes que permitirían unha circulación de auga que hoxe non hai.


Entende que o viaduto sobre A Malata non vai afectar ao sector?

Mellor era non facelo, pero está claro que a medida menos lesiva son os piares. Non me preocupa tanto o tramo que vai sobre o mar, senón que consolida o recheo que xa está feito, é dicir, esa prolongación que se fixera do peirao carboeiro, que orixinalmente tiña un paso de auga e que logo se pechou, porque condena a enseada a ser unha zona de colmatación.


Que medidas de rexeneración de bancos propón?

Cando a Consellería di que gasta máis dun millón ao ano en rexenerar, é certo que o gasta, pero non na ría. A maior parte deses cartos absórbeos a batea de reinstalación á que se leva o marisco das zonas C, e non só da ría de Ferrol. Iso é unha medida para recuperar a produción da ría? Non. Agora mesmo depúrase moi pouco bivalvo e mellor sería investir ese diñeiro en recuperar outros bancos –removendo o substrato para favorecer a fixación das larvas–, tendo en conta que nos vindeiros meses A Malata mellorará a súa clasificación microbiolóxica.

Joám L. Ferreiro: “Este sistema de depuración non é eficaz; mellora a situación, pero non resolve o problema”

Te puede interesar