Máis vale previr

Un coloso de máis de duascentas mil toneladas, disque pola acción do vento e do mar, embarrancou e atravesouse no canal de Suez creando unha aguda crise mundial con perdas de millóns de euros. Centos de barcos cargados de mercancías tiveron que agardar fondeados a posta a flote do Ever Given da Evergreen Marine Corporation que, afortunadamente, conseguiuse nun tempo récord.


Seica existen xa, e estanse a construír barcos meirandes co gallo de abaratar os custos de transporte de contedores con mercadorías, barallándose cifras cada vez máis altas , ¡ata douscentos cincuenta mil!. Cousas da economía que domina o mundo enteiro.


Hai que admitir sen embargo que non todas son vantaxes, como se acaba de demostrar. Entre outras desvantaxes está que son poucos os portos no mundo nos que poidan atracar e manobrar estes xigantes, no noso país so Valencia, Barcelona e Algeciras, debido a súa eslora e gran calado, 400 e 21,5 metros. 


Penso que é o momento de sopesar vantaxes e desvantaxes facendo un profundo estudo dos problemas que crean, e poden crear, estes colosos do mar, e obrar en consecuencia. Este tipo de accidentes teñen que estar previstos así como estudadas a priori as súas consecuencias e solucións.


Temos no noso Ferrol unha fermosa ría, ampla e abrigada contra tódolos ventos dominantes, con unha estreita bocana de non máis de 200 metros da ancho. É coñecida a frase do primeiro ministro inglés, William Pitt no século dezaoito: “Si Inglaterra tivera un porto como o de Ferrol, o rodearía de murallas de prata”. Imaxinade, o desastre que suporía, un accidente fortuíto ou provocado en caso de guerra, que cegara a entrada e saída de barcos pola boca da ría. ¿Existe algún estudo feito coas consecuencias e solucións a adoitar. Polo menos, que unha catástrofe deste xeito non nos colla desprevidos.


Penso que sería bo incluír en calquera proxecto un estudo previndo e adiantandose a posibles accidentes, poñendo tódolos medios para que non se produzan e trazando o camiño a seguir, solucións, medios dispoñibles, alternativas.....etc


De xeito paralelo, estas elucubracións miñas lévanme a dicir que o Covid 19 é un exemplo do que estou a falar. O mundo enteiro tiña que estar preparado, que non está, contra unha pandemia deste calibre co gallo de facerlle fronte dende o primeiro momento. Nestes tempos, con tantos medios e adiantos en tódolos terreos, non e doado de comprender unha situación como a que estamos a vivir, ¡por unha evidente falta de previsión!

Máis vale previr

Te puede interesar