Todo vale

As últimas noticias dinnos que, finalmente, á presidenta en funcións da Comunidade de Madrid non lle vai quedar outra que incluír en lugar preeminente o actor en excedencia Toni Cantó. Vai acompañado doutros dous exdiputados de Ciudadanos, estes, polo visto, xa afiliados ao PP. A señora Díaz Ayuso viña manifestando, en todas as súas declaracións ao respecto da candidatura que vai encabezar, que quería levar nos primeiros lugares xentes da súa total confianza -nada de extrañar á vista do panorama-, nomeadamente os seus conselleiros. Mais, que eu saiba, en ningunha formación política, non son os ou as cabezas de lista as que definen a elaboración da mesma. Poderán, iso sí, como parece lóxico, manifestar as súas preferencias, mais, no remate de contas, son as executivas as que teñen a palabra final. E esta foi que Cantó tiña que ir de quinto e acabou o conto.


A verdade –por máis que García Egea dixese ter a convicción de que o actor “hará más grande al partido”– é que non acabo de entender que é o que se agacha detrás detrás deste interés da dirixencia do PP por ese señor.


Porque é máis que obvio que profesionalmente -fóra de subir a un escenario- nada ten que ver con xentes como Lawrence Olivier, Richard Burton, Al Pacino... Nin con –se quixermos nomes máis próximos a nós e que, mesmo, temos visto actuar en vivo– Fernán Gómez, Sacristán ou Juan Diego. A Cantó, e por iso digo isto con certo coñecemento de causa, tamén o vin actuar en directo -no Rosalía de Castro coruñés, en marzo de 1992- cando representou o papel de Cara de Plata na montaxe que, da triloxía de Comedias bárbaras valleinclanescas, fixera José Carlos Plaza co Centro Dramático Nacional. E, por certo, tamén mo presentaron cando, para falar desa representación, acudiu a un encontro con estudantes á que daquela era Facultade de Humanidades da Coruña.


Creo que a súa fichaxe non debe obedecer, pois, ao feito de ter sido actor destacado. Porque nunca o foi. E isto, se cadra, podería reforzalo o feito de que non é nada común que a xente de prestixio que exerce profesións de xeito moi vocacional, como é o caso de actores e actrices, abandone o seu traballo para se dedicar profesionalmente á política.


Tampouco creo que se deba ás “lindezas” que durante tempo e tempo lle dedicou ao Partido Popular. Abondan poucos minutos para poder atopar, en medios de comunicación que hai que considerar serios, cualificacións como estas postas na súa boca:


“máquina de corrupción masiva”, “no hay ningún cambio ya que se trata de una operación para blanquear al partido más corrupto de España en una especie de huida hacia adelante”, “repartía sobresueldos”, “manipulaba adjudicaciones”, “concurrió dopado a las elecciones gracias al dinero negro”, “los españoles que quieran seguir votando a un partido que no luche contra la corrupción pues que voten al PP ou na mesma entrevista “, “...Pablo Casado, que yo creo que es una muestra del PP rancio de toda la vida. Pablo ha estado toda su vida en el PP y no le he oído decir nunca nada en las peores épocas de corrupción del partido popular”.


E de repente, despois de deixar C’s desiludido: “Creo que el PP ya no es un partido corrupto”.

Xa que logo, unha nova mise en scène do tan manido episodio da caída do cabalo de Paulo de Tarso cando ía camiño de Damasco?

Todo vale

Te puede interesar