Se alguén tiña dúbidas da importancia de poder contar cun Estado economicamente forte para poder enfrontar de xeito rápido e eficaz calquera eventualidade inesperada, creo que a situación xerada por esta longa pandemia, que aínda nos segue a machacar, debería disiparllas de vez. Non hai máis que ver como, día si, día tamén, diferentes colectivos non fan outra cousa que petar nas portas das institucións de todo tipo solicitando axudas. Normal, é o que lles queda. Mais, á vista de tan lóxicas demandas, a un non lle queda outra que preguntarse onde queda ese liberalismo exhibido en momentos de bonanza e, principalmente, cando chega o momento de pagar os correspondentes impostos. Porque un liberal, como sabemos, do que trata é de adelgazar o Estado na maior medida do posible. A de xa me amañarei eu é a súa filosofía económicosocial. E, en sendo así, para que teño que pagar impostos?, pregúntase. Pois agora xa se está vendo unha parte dese para que. É evidente que os diñeiros non adoitan caer do ceo, cal aquel maná que nos querían facer crer que lles caía aos xudeos para se alimentar na súa travesía polo deserto. Non. É obvio que eses cartos -tanto os do Estado, como os das Comunidades Autónomas ou os da propia Unión Europea- proceden dos nosos impostos. E se todo o mundo racanea e, se pode, se escaquea...?