Larraitz Urruzola estrea no Jofre a súa adaptación de fábulas de Concepción Arenal

Larraitz Urruzola estrea no Jofre a súa adaptación de fábulas de Concepción Arenal
El acceso a la retransmisión puede hacerse desde el Youtube del Concello

A titiriteira, actriz, contadora e produtora de artes escénicas Larraitz Urruzola estrea hoxe á tarde, no teatro Jofre, “Fábulas da montaña”, un traballo con títeres que se basea en obras da ferrolá Concepción Arenal. A función, con entrada gratuíta, pode seguirse no teatro (máximo de dúas entradas por persoa, ata completar aforo) e tamén en liña, a través dunha ligazón na canle de Youtube do Concello de Ferrol ou accedendo a través do espazo do Jofre na web municipal. Comezará ás seis da tarde. Diríxese a un público entre os oito e os catorce anos.


Urruzola, no papel de Concepción Arenal, narra con títeres momentos da súa mocidade e a adaptación das súas “Fábulas en verso orixinais”. Estará acompañada por Merran Laginestra, que terá no escenario o rol de amiga da artista e tamén tocará ao piano, en directo, temas populares de Marcial del Adalid.


Tal e como explica a propia artista, a insigne penalista conta a súa infancia en Ferrol e o posterior traslado a Armaño (en Cantabria), despois da morte de seu pai. É alí, en convivencia cos animais da casa e con respecto ante a presenza de lobos e osos, que escribe as súas fábulas. Son “historias onde destaca a súa loita polos dereitos das mulleres, das clases desfavorecidas e a defensa da educación como medio para conseguir a igualdade”, di a creadora do espectáculo.


Sobral e “Piano, piano”

A estrea desta tarde avanza unha fin de semana intensa, co prato forte do concerto de Salvador Sobral, repetidas veces aprazado por problemas de saúde e pola pandemia. Será mañá sábado, ás 19.30 horas, no Auditorio.


O domingo será a quenda do público familiar, coa representación de “Piano, piano” no teatro Jofre, ás 12.30 horas. Trátase dunha obra de Lolo Fernández & Cía que mestura música e humor nun concerto “absurdo e tolo” que se plantexa como un xogo para os espectadores. As localidades teñen un prezo de dous euros.

Larraitz Urruzola estrea no Jofre a súa adaptación de fábulas de Concepción Arenal

Te puede interesar