Feminismo: o eros subversivo

Na porta do cemiterio municipal un cartaz abraiante clausurava o 8M: Espazo libre de violencias machistas. Branco sobre negro. A negritude ausente. A negritude dos top manta. Onde están as nais e irmás dos migrados africanos?.


A véspera, unha concentración de mulleres empoderadas vestidas e pintadas de lila. Con bucais lila fashion, quen sabe se fabricados por esas nais ou esas irmás do sul global. Eramos poucas e espalladas perante as ameazas solermiñas. Discursos que falavan dunhas mulleres ausentes. As mulleres máis explotadas non podían estar. As que podían, as empoderadas, sempre as mesmas en rito anual, non podían renunciar ás súas pancartas de partido e sindicato nin sequera en nome desa manoseada sororidade. Onde estava a revolta feminista masiva doutros anos?. A seguridade e o control pandémico foran quen de amansar un movimento que prometía ter algún percorrido alén das Pepitas, as nenas-capirotes de Semana Santa ou a simples comemoración de ter nado muller.


A sororidade, aquel irmanamento só en razón de xénero, comezava a espellar tanta falsía como aquela fraternidade burguesa que mudou o sangue azul polo sangue bursátil. Parece que os recuados irmandiños também aproveitaran a forza do povo para empoleirarse nos seus castelos, endexamais para abrilos aos das fouces, bisarmas e gadañas.


Ao fin, a lingoaxe feminista parece que quixera vencer a cultura da dominación masculina coas mesma armas do macho alfa. Empoderamento é un vocábulo que só alude á forza e por tanto, á sumisión. Acadar o poder non é máis do que crebar ese teito de cristal para igualar as xerarquías en razón de xénero, nunca suprimilas. Moreas de exemplos na banca e na política así o confirman. Há botíns e botinas.


Sororidade e empoderamento son mantras baleiros nunha sociedade de clases. Imaxina alguén nas concentracións do 8M á señora e a doméstica con bandeirolas lilas, partillando os autofalantes?. Imaxina alguén á delegada da sección da muller dun sindicato pactista do ganchete dunha prostituta? Que sororidade podemos ter as mulleres traballadoras coa herdeira do emporio téxtil galego? Que empoderamento teñen as mulleres cando esquecen o feminismo para facer carreira no partido, no sindicato ou en calquera outra asociación? Cando gardan silenzo perante violencias machistas dentro da propria organización na que militan?.


O feminismo do século XXI ten de rachar con toda esta soinamoina. A sororidade non há server para esquecer a luita de clases. A sororidade non há esquecer ás mulleres do sul global. O empoderamento ten que incluir a defensa do territorio e por tanto ten eco e exclúe por forza calquera industria ou cultivo intensivo, calquera externalización ou especulación capitalista. Porque há unha política feminista do territorio como a hai das relacións interpersoais. A sororidade non pode encubrir as diferenzas entre as mulleres. Temos que superar o feminismo da igualdade e da diferenza. Sobardar o feminismo poscolonial. Porque cada onda do feminismo vén de engulir á anterior.


Há que se desenganar, a luita pola igualdade real da muller non imos gañala só as mulleres. Teremos que lle pasar o testemuño á seguinte xeración.


A educación das novas roladas ten que estender o foco alén do mundo laboral. Por que as mulleres seguimos sen reclamar un salario polo traballo na sombra. O salario polo traballo doméstico, os coidados á familia… Grazas a todo ese inxente traballo non remunerado das mulleres despegou e consolidouse o capitalismo. Silvia Federici di que o sexo foi sempre un traballo para as mulleres. A sacrosanta institución familiar amarrou así, mulleres, fillos e herdanza. Federici foi unha das asinantes do manifesto Nunca sin nosotras que pedía a retirada da denuncia contra o sindicato de traballadoras sexuais OTRAS. Pois o governo quería ilegalizar este sindicato pola demanda dalgunhas organizacións feministas.

Hoxe o feminismo segue abusando desa dobre moral burguesa.


Audre Lorde en Os usos do erótico define este como un poder esquecido en nós mesmos. Eu penso que a educación feminista deste século ten que acreditar no poder de eros fronte ao culto ao dominio e á sumisión tanatocrática.


O governo feminista da vida ten que usar do erotismo para organizar a sociedade, para cultivar relacións horizontais de cooperación e combater a violencia machista en todas os espazos sociais agás nos cemiterios municipais.

Feminismo: o eros subversivo

Te puede interesar