O Concello de Fene aposta polo debuxo para poñer en valor o Camiño Inglés

O Concello de Fene aposta polo debuxo para poñer en valor o Camiño Inglés

A presenza e actividade do singular Museo do Humor converteu o debuxo e o humor gráfico nun dos sinais de identidade do Concello de Fene. Agora, esta disciplina creativa servirá tamén para acadar outro obxectivo: promocionar o municipio e a comarca como destino cultural e turístico, con especial protagonismo da ruta xacobea pola zona. Farao a través da iniciativa “Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra””, proxecto artellado polo goberno local no marco do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta. Desenvolverase a longo dos vindeiros meses, ata o verán, e incluirá propostas moi variadas coa ilustración como denominador común.


Do 20 de maio ao 10 de xuño haberá obradoiros tanto no Museo do Humor como nos centros educativos da localidade para alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e FP. Contará coa participación de artistas como Calros Silvar, Carme Martín, Blanca Escrigas, Laura Bouza, Beatriz Seijo e Dulce Anca. Nesas mesmas datas, usuarios do Centro Ocupacional de Aspaneps realizarán un mosaico colectivo con materiais de refugallo no que reproducirán as distancias do Camiño Inglés na comarca.


O día 11 de xuño terá lugar un encontro de ilustradores no que xunto a algúns dos creadores mencionados anteriormente tamén tomarán parte Elga Fernández e Eduardo Hermida.


Andaina

Os dous días seguintes (12 e 13) desenvolverase a xornada central do programa. Consistirá nunha andaina que cubrirá, en dúas etapas, o percorrido entre Ferrol e Neda e de Neda a Pontedeume. Ao longo do camiño, seis artistas realizarán cada día debuxos ao vivo en outros tantos puntos do itineriario. Leandro Lamas, Cristina Fojón, Xaquín Marín, Hugo Feal ou Ito Mosquera serán algúns deles.


Diferentes contacontos e actuacións musicais darán forma durante o mes de xuño ao ciclo “Humor peregrino”, que concluirá cunha cita musical o día 23, na mesma xornada na que se procederá á inauguración da exposición virtual e física cunha escolma das obras saídas da andaina debuxada e das demais actividades a celebrar. A segunda consistirá na instalación, en seis puntos dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume dunhas lonas montadas nuns cubos para a súa montaxe en exterior.


Colaboración

Estes municipios van colaborar co de Fene nalgunhas das propostas dun proxecto transversal que, en palabras do alcalde, Juventino Trigo, quere contribuír a “promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, particularmente entre os mási novos”, dixo.


Xunto a el, interviron na presentación de “Viñetas do Camiño” o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable da área de Turismo, Ana Basoa. “O proxecto artellará unha sorte de caderno de viaxe ilustrado de carácter colectivo, que iremos construindo entre todos e todas” co obxectivo de poñer en valor o Camiño Inglés, dixo a concelleira.


Máis de mil propostas, segundo apuntou onte a comisaria do Xacobeo 2021 Cecilia Pereira, se presentaron este ano á segunda edición de “O Teu Xacobeo”, que seleccionou un total de 240. Entre elas, esta coa que o Concello fenés poñerá en valor a ruta xacobea a través do debuxo. 

O Concello de Fene aposta polo debuxo para poñer en valor o Camiño Inglés

Te puede interesar