Arco da vella Next Generation

Despois de séculos de lendas e contos, xa sabemos onde está o caldeiro do Leprechauns, ese que está cheo de ouro e riqueza ao final do Arco da Vella. Está, con total certeza, nos fondos europeos de recuperación. Ou polo menos a min mo parece, polo xeito de conto que está collendo a xestión dos mesmos, vai ser unha sorte de lendas e historias dignas da mitoloxía celta.


O caso é que para percorrer este Arco da Vella, que supón a xestión dos Next Generation, cada quen ten a súa teoría. E sobre todo cada quen ten o seu destino moi claro no campo político galego. Vimos asistindo a unha xeira de presentacións políticas de planes de xestión e estratexia dos fondos relativos a Galicia. Con nomes moi ben soantes coa súa parte en inglés, supoño para ser máis europeos, aínda que o Reino Unido xa non sexa do club. Coma sempre a guerra por cada lado e partidista, todos acreditan en ser o mellores, mágoa. Nisto cómpre un consenso real.


Galiza Next, é a proposta do Bloque, Next pide unha Galicia: ecolóxica, científica, social e feminista. Medidas que a todos gustan, mais dentro da proposta vai un Centro de Alertas Epidemiolóxicas, porque soa ben na actualidade política, que por desgraza é unha duplicidade, o Estado ten un e Europa outro, ser galeguista non é tirar esforzos duplicando entes.


Plan Rexorde, propón o PSOE para recuperación galega, iso si sen facer dano ao goberno central, non vaia ser. Centrando a súa acción no tan socorrido I+D+I, carece de idea de País de fondo, non aclara que queren que sexa Galicia, máis aló de economía verde, pero falla o como e o cando.


O PP non ten plan, directamente, falan de xestión publico-privada. Cales son as súas ferramentas agás falar de emprego? Como si non levasen 4 lexislaturas en Galicia.


Diante deste panorama xorden varias incógnitas, onde están os sectores produtivos do País? Cal é o motivo para que en Galicia non se use a figura das Manifestacións de Expresións de Interese? Por que non se conta coa sociedade?

A Comisión de Recuperación do Parlamento era quen tiña que potenciar encontros cos sectores produtivos e movementos de empresa, e tamén co tecido social para potenciar un debate no propio Parlamento con resolucións dos tres grupos e propor mediante as Manifestacións de Interese a complicidade e o consenso da sociedade galega no debuxo do futuro e da vangarda que ten que ser Galicia. Porén os políticos galegos prefiren uns minutos de telexornal para vender a súa proposta de País, deseñada nos fogóns internos de cada Partido, que teñen dúas eivas: ninguén mira para elas, e están moi lonxe da realidade de Galicia.


Case como consecuencia entramos no debate político, estéril, de tentar impoñer a idea de BNG, PSOE ou PP. Mentres a economía agoniza e non xeramos a riqueza que o País pode. E obviando as pequenas e medianas empresas e autónomos como motor de Galicia e necesitados dos fondos.


É certo que a pinta é que Galicia volve a perder este convoi ou peor, nunca chegara ao caldeiro ao final do Arco da Vella.

Arco da vella Next Generation

Te puede interesar