Amizade de anos

Coincidiamos hai uns días, ao remate dun dos xantares, que un par de veces ao ano celebramos na acolledora Casa Rivera, no reconfortantes que estes resultan. A verdade é que xa van aló uns cantos e non lembro nin o menor asomo de roce de ningunha caste. E iso que se fala de todo e cadaquén expresa aberta e libremente o que mellor lle parece. E somos ben diferentes. Abofé. Mesmo no fútbol, se exceptuamos o noso inquebrantable racinguismo.
O outro día, cando xa só quedabamos falando Vicente Araguas, Xaime Bello e mais eu na Praza de Armas, apareceron na conversa nomes de vellos compañeiros das aulas do instituto. E non digo compañeiras porque, en puridade, non as tiñamos. Se ben compartiamos o recinto do Concepción Arenal, o único instituto que tivo a cidade ata mediados dos anos sesenta, os rapaces e as rapazas só coincidiamos nas aulas de idioma estranxeiro, corredor, iso si, polo medio. E chegados a esta cuestión de ensino separado para nenas e nenos, Vicente Araguas lembrou que seu pai, malia non coincidir ideoloxicamente cos deseñadores do mesmo, sempre valorara moi positivamente o plan de bacharelato republicano que lle tocara estudar. E, segundo dicía, era importante a coeducación. A miña mai, algo mais nova, tamén empezou con ese plan, mais xa tivo que facer nalgúns cursos o plan de bacharelato, tamén de sete cursos e exame de Estado na Universidade, implantado na reforma de 1938. Isto é, o rexido polo principio de que a educación tiña que ser católica e patriótica. Así, entre outras lindezas, introducía a materia de relixión en todos os anos e unha orientación de carácter doutrinal en todas as materias.
A nós xa nos tocou o plan de 1953, elaborado polos equipos do ministro Ruíz-Giménez, na miña opinión algo relaxado na orientación patriótica e confesional, mais tamén, conservando o elitismo, rebaixado de contidos.Só un idioma estranxeiro, por exemplo. Mantiña, por suposto, a férrea separación de nenos e nenas.
Xa que logo, como lembrabamos, só foi despois do bacharelato cando se nos permitiu compartir as aulas coas rapazas. Xa eramos mozos e mozas e descubrimos que non pasaba nada. Só que tiñamos algunha caste de eivas nos mecanismos de relación que se facía preciso eliminar canto antes.
Os nosos e as nosas fillas xa se moveron noutros ambientes educativos, dos que gusto moi pouco, mais nos que, afortunadamente para todo o mundo, a coeducación está instalada. Os problemas, polo que me contan persoas fiables, son doutro tipo. Hai un machismo brutal que, incomprensiblemente, goza de niveis de aceptación nada desexables. E iso é preocupante.
 

Amizade de anos

Te puede interesar