Luns 12 de xaneiro do 2015. Co gallo de arranxar papeis, saio da casa aínda con noite, son as oito da mañá. Deixo as miñas netas no colexio e diríxome a distintas oficinas da administración espalladas pola cidade. Semella que a algúns funcionarios públicos séntalles mal a volta ao traballo despois da fin de semana pois tratan á xente como se fora o inimigo.
Cando remato cos trámites relacionados co meu retiro definitivo, o que eu chamo miña xubilación a perpetuidade, dedícome a deambular por Ferrol camiñando de vagar dende a rúa Real ata as Casas Baratas, onde deixei aparcado o meu coche. Todo se me volve recordos dun tempo que pasou, coma un lóstrego.
Son agora as once da mañá dun día resplandecente sen unha soa nube no azul do ceo. Síntome un pouco raro, desacougado, sen ter nada que facer, ningunha obriga, despois de tantos anos de traballo.
Na rúa, con pouca xente, o cadro non pode ser máis desolador, letreiros esixindo solucións para Ferrolterra, prohibicións de durmir nos soportais dos comercios con ameazas de denuncias, esmoleiros novos e vellos sentados e ata axeonllados na rúa exhibindo carteis que pregoan traxedias e miserias sen conto, locais pechados, carteis anunciando que se aluga ou se vende, liquidacións por peche e moitas cacas de can no chan.
O remate é cando chego á praza de España. ¿Como non botar de menos aquela fermosa praza antiga, con árbores e fontes, con cabalo ou sen cabalo que iso a min tanto me ten? A pesares de tódolos cartos estragados, ben se ve que os responsables dos traballos non dan feito. O que están a facer é un remendo tras outro.
Penso se non haberá unha man negra, unha conspiración para rematar con Ferrol. Por moitos brotes verdes que vexa o presidente do Goberno, a situación non mellora.
Dende estas liñas, eu suxírolle, señor alcalde, que invite ao sr. Rajoy e ao sr. Feijóo con todos os seus seareiros a dar unha volta polas rúas ferrolás, como a que eu dei hoxe, e lle expliquen á xente polo miúdo que a crise xa está superada.
E xa non vale botarlle a culpa ao goberno anterior.