Xaquin Campo, ganduxando vidas

|

O pasado xoves tiven o pracer de participar no Ateneo nun acto organizado polo Club de Prensa no que se presentaba un libro dedicado a Xaquín Campo Freire onde un grupo de amigos glosamos a figura deste crego-sanitario ou sanitario-crego que tanto ten, dun home dedicado aos demáis, á xente máis necesitada perante case toda a súa vida, unha dilatada existencia que chega aos oitenta anos de humanismo en exercicio.
Nun acto así non é nada dificil caer no halago fácil, pero no caso de Xaquín Campo o dificil é atopar obscuridades no seu devir vital , cousa por outra parte normal en todo ser humano onde os claros e obscuros vanse alternando. Xaquín sempre o tivo claro e xa que logo os seus amigos non tivemos problema en ver a Xaquín coma un home bó e xeneroso.
Una das cousas que máis me chamou a atención cando coñecín a Xaquín foi a súa galeguidade, as súas fondas raices alimentadas na terra que o viu nacer aló nunha aldea da Terra Chá onde os vínculos co medio fornécense con máis forza se cabe que nas cidades. A terra fai ao home, márcalle a liña do seu ser, dicía o poeta Manuel Lueiro con razón e Xaquín quedou marcado coa terra e cos ventos labregos de Roca, a súa aldea natal. Esa sinal de identidade xamais o abandonou. Por iso cando ven á cidade empápase no obrerismo industrial, nesa universidade, coma el a cualifica, que tanto lle ensinou das vicisitudes polas que atravesaban homes e mulleres que loitaban arreo por mellorar as súas condicións de vida e de traballo dentro dun sistema dictatorial que non deixaba marxe para esas “veleidades”. E Xaquin comprometeuse con eles, fixo causa común coas arelas da xente necesitada dun traballo digno e de liberdade.
Ultimamente Xaquín involucrouse tamén cos presos e acude ao cárcere de Teixeiro unha vez á semana. Chamoume a atención un dato que deixou caer na xuntanza do xoves: o 80 por cento dos presos son “psiquiátricos” e preguntaba que fan os psiquiátricos na cadea se tiñan que estar atendidos noutro sitio. Con oitenta anos segue cunha vitalidade envexable. Xubilado si pero retirado nunca!, repite con frecuencia dando sentido así ao seu compromiso cos demáis pero tamén consigo mesmo.
En fin, un crego atípico lonxe do estereotipo de crego tradicional, un exemplo no exercicio do verdadeiro cristianismo, un home co que sempre se pode contar e que está onde cre que debe estar… aí, aínda que non se deixe ver.
 

Xaquin Campo, ganduxando vidas