Mediada a semana que acaba de finalizar, os medios de comunicación daban conta da decisión tomada polo alcalde de Ares, Julio Iglesias (PSOE), de reincorporarse á docencia na Facultade de Dereito da Universidade e renunciar, así, ó salario municipal, que a oposición do PP entendía elevado para un concello dese tamaño. Como é sabido, no pleno da semana anterior o PP presentara unha moción solicitando a rebaixa do salario do señor alcalde e outros concelleiros, que foi rexeitada xa que só contou co apoio do BNG. A xuízo do grupo popular o gasto do goberno municipal de Ares supera a media dos concellos da provincia da Coruña. Case ó tempo, no concello limítrofe de Mugardos, Iniciativa Cidadá de Mugardos (ICM) manifestaba o seu desacordo polo feito de que tódolos grupos da oposición puidesen contar cunha dedicación parcial ou exclusiva -renunciando á que lle correspondía ó grupo-, polo que, segundo eles, ten de manter políticos a soldo. E, a maiores, ICM incidía en que Mugardos é dos concellos coruñeses do seu tamaño poboacional cun maior gasto per cápita en salarios políticos. Non esquezamos que en Mugardos goberna o PP. É curioso, nun sitio o PP acusa de malgasto e noutro, a escasos dous quilómetros, é acusado dese mesmo feito. Inaudito. Ó señor Iglesias, obviamente con razón, pareceulle incrible que o PP viñese agora criticando o salario, cando non hai moito o seu candidato ocupaba a alcaldía e cobraba máis do que estaba percibindo el, e visto o visto, decidiu renunciar ó salario municipal. Xustificou a súa decisión en base a dúas cuestións. A primeira, que non lle parece ético que un alcalde dun concello de cinco mil e algo habitantes poida cobrar máis que o dun concello de preto de setenta mil. O soldo do alcalde de Ferrol vai ser de 40.000 euros. A segunda, que tendo un traballo e un salario de profesor non ten necesidade de estar no ollo de furacán ningún. E a afirmación desta circunstancia de ter un traballo e un soldo (de profesor ou do que for) seméllame importante. Para poder ser realmente independente e libre para tomardecisións, o primeiro que hai que ter é independencia económica. E quen diga o contrario mente; non sei se cal “bellaco”, pero mente. No que non podo estar de acordo co rexidor aresano é con que a súa dedicación á alcaldía vai seguir sendo a mesma cando comece a dar clase. Está claro que xa sabe o que supón ter que traballar en dous lugares, sitos, ademais, en dúas localidades diferentes, que obrigan a un mínimo de dúas horas de desprazamento. Que é viable estar na cámara municipal de Ares polas mañás e dando aulas pola tarde na Facultade de Dereito de Santiago é unha evidencia. O que para min, que fun docente universitario, con dedicación exclusiva, toda a vida, non é tan evidente é que se poida estar ó cento por cento nos dous sitios. Por experiencia, sei que para facer unha carreira profesional que, en puridade, poida cualificarse de tal é imprescindible dedicarlle a xornada laboral toda e máis horas se as houber. Noutra circunstancia, pódese, iso si, cubrir moi dignamente o expediente docente e pouco máis. De investigación non podemos falar. Estou convencido de que os cargos de responsabilidade, políticos ou non, hai que exercelos en exclusiva, sen interferencias. O señor alcalde de Ares é profesor titular, como o son o señor alcalde da Coruña e a señora vicepresidenta de Deputación, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) e Goretti Sanmartín (BNG), colegas e amigas de vello. O profesor Ferreiro xa manifestou no seu día que como alcalde ía gañar menos que na Universidade –algo que xa teño dito que non concibo– e a profesora Sanmartín penso vai percibir un salario próximo ó que tiña. Nos dous casos van dedicarse de cheo á actividade política. A conxuntura do alcalde de Ares, abofé que é complicada. Faise preciso lexislar con precisión a problemática salarial nas institucións todas. Non se pode gañar menos nin substancialmente máis, que o que cadaquén perciba na súa vida fóra da política. E haberá que insistir e poñerse moi pesado con isto, porque son de capital importancia para unha boa gobernanza.