Brindo por ti, Galicia
Tráxica-máxica
Sufrida, Ergueita
Señora, Nai.
Na miña mesa de traballo, sempre Rosalía de Castro, na compaña doutros libros de autores diversos. Hoxe Rudyard Kipling, co conto universal Kim, traducido ao castellano por Juan I. Croselles, editado por La Nave, en Madrid, 1942.
Rudyard Kipling, nace en Bombay no ano 1865 (30 de decembro) e morre en Londres o 18 de xaneiro de 1936. Premio Nobel de Literatura en 1907, foi periodista do xornal Lahore en India, autor de varios e interesantes libros de narración e conto de indudable valor literario. Tamén dunha gran obra en verso recollida en Barrack-Room Ballads(1892) e The Five Nations (1903). Kim está escrito con exquisita sencillez na que os sentimentos primarios, a amizade, a piedade, a devoción e a felicidade, limpas e claras coma arroio sen contaminar son o eixe central da historia.
Kim está considerado como un dos máis fermosos contos da literatura moderna, e é tal a simpatía que inspiran os seus personaxes que o único que se sinte ao rematar a lectura é ter que deixar tan pronto ao Mestre Kipling. Xa o lin un par de veces e non me despido de Kim.
Tamén na miña mesa de lectura, entre outros, poetas rusos, unha antoloxía de vinte autores, dende Pasternak a Kasakóva pasando por Evtushenko: “Tan desesperadamente se enfriaba el pecho, / Pero mis pasos eran ligeros. / Puse en la mano derecha / Un guante de la mano izquierda”. (Anna Ajmátova).
Sincerándome con vostedes amigas e amigos lectores, canto me gustaría escribir sobre boas noticias, cousas lindas, progreso, cultura, nenos que sorrín, traballo para todos, políticos honestos e intelixentes, democracia participativa, dique flotante, dun Ferrol que revive e navega aproando cara a un mar onde a felicidade chouta no bico das ondas. Gustaríame escribir que se acabaron as guerras, que xa non hai fame no Mundo.
Non querendo mentir, non crendo nos contos de certos políticos, dende esta xanela aberta que me ofrece Diario de Ferrol, humilde, sen ruídos estridentes, sen ira pero con anoxo-cabreo-enfado, digo e proclamo que todos aqueles que de xeito manifesto roubaron e rouban ao pobo, levaron a este país á ruina, deben ser apartados da circulación. Que a Xustiza decida a pena polos delitos cometidos para que non haxa máis atropelos. Nin mortos, nin feridos, nin indecentes canallas inzando España con esta corrupia peste que cheira que imbra e lacera o nariz das persoas demócratas, honestas e traballadoras, tantas, sen traballo.
Hai que acabar coas toupas da corrupción, para que non sigan minando os cimentos da casa de todos. A onde imos con tantos indecentes cínicos corruptos, honorables salvadores da patria (a súa carteira). Eles, elas, herdeiros daqueles que dominaron o país durante décadas, ou poida que de honestos que dexeneraron ao ter a máquina de facer billetes ao alcance da man.
Elementos acostumados a privilexios, pague quen pague, sufra quen sufra. A roubar. Eso si, despois de poñer guantes brancos, cara de boas persoas con poutas de depredadores que disimulan facendo a manicura en centros de estética de cinco estrelas, para con destra e sinistra poder usar a tarxeta opaca. Opa, os seus xenitais!!
E don Mariano Rajoy, o presidente escapista, con sarcasmo e xa acostumado a fuxir, cos mesmos mensaxes e frases parvas: “Llueve mucho”. “Ya se ve la luz al final del túnel”.
Saiba, señor presidente, que unha gran maioría de españois nin sequera o túnel ve, e que para eles non só chove, senón que caen chuzos de punta. Baixe ás rúas. Deixe os soños. Desperte. Exemplo, Ferrol e comarca que navega á deriva capeando o temporal da desidia e o ataque por retagarda daqueles que, prometeron na busca de votos, e agora deixan que a nave afunda, sen tan sequera socorrernos cun flotador.
E será que esta comarca non se decata que os gobernos poñen chumbo na quilla para que a nave naufraxe. Cando menos, intentan que só aboie uns centímetros por riba da auga, tal cortiza de sobreira, para que non afoguemos e así ter ocasión cando as eleccións para vir sacar a foto, traer uns caramelos e con sorte, dependendo do ánimo e como vaian as enquisas, unha chalana, dous remos, unha vela de lona e un farol de carburo para non naufragar na Marola.
Inda así, Ferrol, rexurdirá. Segue a ser unha cidade maravillosa, con historia, e futuro, se loitamos por el. Felicidades ós Martiños e Martiñas.