Os cen anos de Carmen

A miña sogra, 
que tamén exerceu de nai
por eu estar falto dela.
Cen anos o día 2 de febrero. Cen, que inda sendo moitos pasáronme nun intre, di Ela con toda a razón, sentimento e sentido.
Carmen, ao igual que a maioría de persoas daquela época, aínda que as mulleres éramos verdadeiras escravas, traballamos moi duro, arreo, e sufrimos os mil sufrires, repite.
A guerra civil con pais, maridos, fillos ou irmáns, na batalla ou na retagarda pero sempre xogándose a vida. Cantos aló quedaron. Cantas viúvas, tanta dor e tantas calamidades!
A posguerra. A fame, os abusos e os crimes. As mulleres foron tamén o sustento de moitas familias. Que sen elas? Pasámolas “canutas”, inda así, aínda que non esquezo perdoo a cantos nos fixeron moito dano. 
Canta fame se pasou, aínda que aos meus fillos nunca un bocado de pan lles faltou. Traballamos moito o meu home e eu. Non quero esquecer os abusos de poder daqueles que tiñan un pouco de mando, dos caciques, dos canallas. 
Houbo que ir ao estraperolo, escapar polos atallos para non atopar cos gardas. Fuxir e vivir sempre con medo para poder comer. Aqueles tempos que non volvan maís.
Hoxe estou moi contenta a pesar de que me falta o marido dende fai ben anos. Son feliz rodeada dunha longa familia que me quere e que me cuida. Fillos, xenro, noras, netos, bisnetos e unha tataraneta que dá xenio vela, aínda que eu xa pouco vexo. 
Hai uns días veume saudar o señor Alcalde na compaña de dúas guapas mozas do concello. Recordáronme de cando eu estivera na Directiva da Asociación da Terceira Idade. Éramos unha piña, homes e mulleres, mulleres e homes. Sempre me gustou colaborar. Nunca aos meus fillos quitei de participar na vida activa, cultural, social e deportiva. Animábaos. No meu bar xuntábanse moitos rapaces da vila e eu sempre lles decía que se levasen ben. Sempre tiña un cariño con eles. 
Tamén me recordaron, os do axuntamento, a homenaxe que me fixeron hai un par de anos. Non só a min, senón a varias mulleres empresarias. O de empresarias é un dicir, mellor dito traballadoras, ou como agora din, emprendedoras. 
 É bo que se recorden das mulleres. Que sería dos homes sen nós. Que sería deles. Eu agora xa non pero as novas, se a nivel de todo o país fixeran unha folga de brazos caidos –e non só de brazos– durante un mes? Meus pobres, morrían á miñoca. 
Traballei dende nena. Aos 12 anos xa viña dende santa Mariña do Monte traguer o leite a Ferrol. Boa parte do camiño facíamolo a pé coas calderetas na cabeza. 
Mágoa que non haxa onde, pero agora que traballen os novos aínda que eu inda siga a facer algunhas faenas livianas.
As mulleres sempre estivemos marxinadas, daquela e hoxe, e moita da culpa é nosa. Hai moitos Trump mundo adiante e aquí moito machista con tamén moito medo a que as mulleres avancen e os aventaxen a nivel cultural, técnico, empresarial e político. Xa digo, moita da culpa é das mulleres. Temos que loitar pola igualdade. 
 O sábado fixéronme unha festa familiar. Alí estaba toda a miña familia directa. Habíamos ser medio cento. Trouxéronme flores e outras cousas, agradecínllelo moito pero eu á miña idade pouco preciso, só cariño, eso si.
Emocioneime. É normal. Cantáronme a coro, e as bisnetas prepararon uns bailes para min. Querían que bailara pero xa non estou para eses “fandangos”, aínda que din uns pasos co neto máis novo. 
Ogallá todas as persoas do mundo tiveran unha familia que as quixeran e as bentrataran, principalmente cando chegamos a unha idade avanzada. Cando o pasado sábado estaba coa familia festexando os 100, non só pensaba en min, pensaba en toda esa xente que anda por un e outro lado, fuxindo da fame, das guerras, separados da familia e faltos de todo. 
A miña querida sogra, que razona mellor que a mayoría dos mandamáis que rexen o mundo. Ata o vindeiro ano, despidiuse de todos ao remate da festa. 
 

Os cen anos de Carmen

Te puede interesar