Magos

Para que tanto egoísmo, tanta maldade, tanta insolidariedade, tanto acaparar o que nunha orde establecida de xustiza real e humanitaria é de todos, se ao remate dos días somos, tanto ricos como pobres, materia inerte, cinza, nada. 
Inconcibible que non nos decatemos despois de tantos séculos que o mundo é mundo. Despois de tanto avance da ciencia e da medicina. Despois de tantas leccións e consellos de sabios, filósofos e humanistas. Despois de tantos golpes na entreperna ao longo da historia civil e sagrada. Cando a tecnoloxía tan adiantada nos leva nun intre ás antípodas sen sairmos da casa, inda temos a dúbida en saber se avanzamos recuando, ou se recuamos avanzando. Aquí o dilema!!
Guerras, atentados, fame, miseria, asoballamentos, política rastreira, inxustizas, polución que afoga e mata, desconxelación dos polos, e tanto máis en negativo nun mundo moderno non é normal nin comprensible, a non ser que unha gran maioría de mandatarios políticos e da economía mundial naceran faltos de intelixencia e non foran capaces de adquirila de adultos, ou poida, tamén é posible tolearan. E iso de tolear colectivamente, sería o caos, unha epidemia difícil de crer, unha enfermidade para a que non se inventaron remedios, ou poida que si, pero non entran dentro da S.S.
Esta noite deixarei os zapatos no balcón a ver se os Magos de Oriente se engañan e pico algo. Eses magos especiais que veñen de tan lonxe e que, á parte de encantadores, tamén practican maxia, prestidixitación, reparten ilusións e agasallos a eito por todos os pobos de mundo mundial a nenos e nenas sen ter en conta as cores da pel, vivan en aldeas ou grandes cidades, en guetos ou refuxiados en míseros campamentos; eso si, cunha condición ou requisito, que aqueles que queiran agasallos demostren por carta ou palabra de honor que durante o pasado ano foron bos. Tampouco é tanto requisito, digo eu.  
De non ser ese control dos Magos de Oriente que teñen no seu ordenador persoal as conductas de todas as persoas, todo “quisque” pediría xoguetes, agasallos, caviar e outras larpeiradas. Incluso cativeiros políticos, de non haber control máxico pedirían o seu agasallo, e eso si que non, salvo o de pasar á reserva inactiva sen remuneración nin recompensa de porta xiratoria. Ollo, os nenos e nenas, todos e todas, anque leven arrastro algunha materia, anque fosen un pouco revoltosos e desobedientes non quedarán sen xoguete. Os magos, á parte de facer maxia, saben moito sobre o corazón dos nenos e do seu comportamento. 
Insisto coa chamada do comezo: Porqué sermos indiferentes ao que pasa, incluso na comara, na mesma rúa ou lugar onde vivimos cando a vida é un intérvalo mínimo absoluto, un lánguido transcorrer pola máquina do tempo e da verdade, unha airexa imperceptible. Ullo a solidariedade?
Ben é certo que moita xente de vez en cando axudan a pasar a ponte ao cego, mais os Magos sábeno todo, por algo son magos e dame a impresión que mañá moitos e moitas imos quedar sen agasallos. 
Anque tamén presinto que para a chavalada, alí onde non cheguen os camelos e os dromedarios, chegarán os porteadores voluntarios de tantas entidades que loitan pola infancia con agasallos e xoguetes, e sorrisos, para que cando menos mañán (un so día no ano) poidan ser felices. E os que manexan as marionetas para que o mundo xire ao seu antollo, nin se decatan que o ano ten 365 días.
Aos magos de Oriente e aos de Occidente, incluso a Merlín, aquel lendario personaxe celta, encantador, sabio e mago fantástico da época do rei Artus con tanto poder, segundo reflexa a “Historia regum Britanniae de G. Monmouth” pediríalles – mais non sei como achegar a petición – a ver se entre todos eles con poderes sobrenaturais logran facerse e enviar un refulxente espello que os ilumine (a dirección ben a saben) ao novo presidente do goberno e gobernantes deste paciente país anque a nós, a todos os cidadáns de a pé e de a cabalo non nos viría mal un, anque fose miniatura. 
¡Ay! Quién maneja mi barca. Quién? A ver se somos capaces de recuperar a deriva perigosa pola que a levaron ineptos gobernos. 
Que será de nós, cando os bicos desexados e non recibidos fuxan para sempre entre os marmurios das ondas do mar da indiferencia. Sexan moi felices ao longo e ao ancho do 2016.
Ao final de cada vida
perduran as secuelas
dos erros cometidos.
 

Magos

Te puede interesar