Non sabía moi ben que escribir desta volta para o meu apunte dos martes, o que me causaba certo desacougo, e mira ti por onde, unha avaría doméstica deume a solución. Anque non vou dar moitas pistas, que ben podería facelo, vóuvolo contar aquí.
Como vos digo, por unha avaría no forno da cociña, tiven que chamar ao servizo oficial de certa marca coñecida. Chegou o técnico, moi sorrinte, as cinco e media da tarde e foise cando aínda non deran as seis. Non empregou ningunha peza de recambio, nin outro tipo de material, agás uns centímetros de cinta illante. Limitouse a anular o programador desaparafusando catro parafusos e avaría resolta. Menos de dez minutos. Levoulle máis tempo facer a factura. Vexamos:
Descrición da avaría: Amañar cabreado
Hora de entrada. 17:30
Hora de saída : 18:(?) (Ilexible)
Tempo invertido: 30 minutos
Man de obra: 20 euros
Desprazamento: 19,50 euros
21% IVE: 8,29 euros
Total a pagar: 47,79 euros
Unha nota na factura aclara sen máis explicacións:“Precios aplicados según la legislación vigente”
De acordo con estes parámetros, un traballador medio cobraría, traballando oito horas diarias, 320 euros/día, o que equivale a 6400 euros/mes ou 76.800 euros/ano (12 pagas).
Descontando o 21% do IVE, quedarían 60.672 euros/ano ou 5.056 euros/mes, e eu pregúntome ¿canta xente hai en Ferrol con un soldo coma este?
¡E todo isto sen contabilizar o canon por desprazamento que cobra o técnico!
A pesares do que vos conto, penso que tiven sorte porque, ¿que houbera pasado, no caso hipotético de que a avaría non tivera solución? Con toda seguridade pagaría 19,50 euros polo desprazamento, non sei canto polo diagnóstico e seguiría co forno estragado.
O técnico moi solicito e moi correcto foise, máis sorrinte aínda que cando chegou, ao mesmo tempo que me dicía dende a porta que, en caso de algún problema, non dubidase en chamalo de novo.
Pois iso, “Madía Leva”