Aló polo 1981, Joan Manuel Serrat publicou En tránsito, un vinilo de longa duración que pechaba a canción “Hoy puede ser un gran día”, tema do que sempre gustei polo que ten de canto á alegría de vivir. Como soou bastante nas emisoras radiofónicas penso que a xente desa época, serratiana ou non, lembrará que a última estrofa di: “Pelea por lo que quieres / y no desesperes / si algo no anda bien. / Hoy puede ser un gran día / y mañana también”. Desde esa xa afastada altura, moitas mañás, mentres me espreguizo antes de me erguer, dígome que ese pode ser un gran día. Lembreino o mércores pasado cando nas páxinas de “Sociedad” do noso Diario batín con este titular: “Un estudio vincula la mejora del rendimiento académico de los universitarios con la subida de tasas”. Imposible!, foi o primeiro que pensei. A noticia, naturalmente de axencia, viña ilustrada cunha foto tirada no acto de inauguración do curso na Universidad Isabel I, centro educativo do que non tiña nin a menor noticia. E isto? Busquei información e resultou que vén sendo unha universidade non presencial, con sede en Burgos e que comezou a funcionar no curso 2013-2014, de aí o meu descoñecemento. Mais a imaxe nada tiña que ver co texto da noticia. Segundo esta, o da relación do rendemento coas taxas eran as conclusións dun estudo da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), xa saben, unha institución privada da que son patróns os bancos máis importantes e algunhas das máis relevantes empresas eléctricas, de hidrocarburos, de telefonía, construtoras..., empresas todas do Ibex 35, e que ten como finalidade, copio da web e traduzo, “Crear as condicións para que surxan novas ideas que informen o deseño da política pública española”. Dixen ben: “deseño da política pública”, detalle non menor. Aí xa empezaba a cadrarme algo. E seguín coa lectura da nova. O citado traballo fíxose con datos “anónimos” dos rexistros administrativos dos estudantes dos graos de Economía, ADE e Medicina desde 2010 a 2014 e conclúe que desde a suba das taxas de matrícula diminuíu o número de veces que un estudante se matriculou nunha materia antes de aprobala, aumentou a probabilidade de superar as materias e primeira matrícula e melloraron as cualificacións. Fenomenal. As autoridades educativas xa contan cunha proposta moi importante para resolver unha parte da problemática do ensino universitario: seguir subindo taxas. Se queremos persoas ben formadas e que rendan como hai que render o primeiro paso é poñer as matrículas moi caras, carísimas, pois a maior custo mellores resultados. Nada se di na noticia de se no estudo se recollen datos do nivel de abandono dos estudos, porque penso que deben ser moi elevados e en boa medida, malgré lui, artífices deses supostos excelentes resultados froito da ameaza de ter que pagar bastante máis nas seguintes matrículas no caso de non aprobar. Non pretenderán, por riba, que con esa perspectiva os e as estudantes traballen nun ambiente relaxado e, en consecuencia, estuden para aprender, para saber ademais de para aprobar. Quixen ler o estudo enteiro, mais non o atopei. Si encontrei información complementaria noutros medios como que para reducir as barreiras de ingreso á universidade e mellorar aínda máis a eficiencia do sistema educativo –enténdase taxas caras– se podería conseguir que non subisen as primeiras matrículas compensando a merma de ingresos facendo máis caras as seguintes. Así mesmo, tiven noticia de que na Universidade de Valencia o prezo das matrículas se incrementou un 33%, para primeira e segunda, un 127% para terceira e un 203% para a cuarta. Non me estraña que así a xente o único que vai querer é aprobar e deixar o de saber para mellor ocasión. Mais, con todo, e a falta de datos, dubido moito do dito polo informe, alén de que pense que para mellorar a calidade do ensino o primeiro sería suprimir o Plan Bolonia, a Lomce do ensino superior. E contra a Lomce haberá que estar o próximo xoves nas rúas. A noticia fixo que o mércores non fose, precisamente, un gran día.