España está triste

Queriamos cambiar o Mundo.

Abrir fronteiras. Sermos nós.

Libres.

 

 

Premeditadamente, señor Rajoy, están vostedes creando unha sociedade excluínte. Unha sociedade de elite na que os privilexiados e os poderosos poidan benvivir. Ós demais as sobras. Que se fodan, como dixo aquela parlamentaria do seu partido cuxo nome non quero lembrar.

Con tantas leis retrógradas, impostos inxustos, ineficaces e arbitrarios que sempre afectan ós mesmos, levan á gran maioría de españois a unha crispación tal que puidera ser perigosa. Saiban que a partires de xa, non teñen credibilidade nin crédito no pobo. Tanta hipocrisía, mentiras e dano á clase traballadora ateigou o vaso.

A xustiza está a se converter en total inxustiza. Xustiza para ricos, xa que coas novas tasas e atrancos só eles poderán acceder a ela. Si señor Rajoy, España está triste e cabreada. Ben doado é de saber saíndo á rúa, falando coa xente, lendo a prensa, vendo a televisión e oíndo a radio, entrando nas redes sociais, participando ou observando as numerosas e diarias manifestacións (mais de 36.000 dende xaneiro a outubro de 2012), ollando a carteira baleira e metendo as mans nos buratos dos petos dos pantalóns. Verificando, día a día o retroceso económico e social das familias, que é o indicativo do malestar do noso país.

Coa política inquisitorial e miserable que veñen practicando, os españois recuamos a comezos da segunda metade do pasado século. O pobo, incluso o silencioso, quéixase da torpeza, soberbia e arrogancia dun goberno que os despreza non contando con eles, agás para lles pedir o voto; levándonos a unha total inxustiza social, á ruína económica e á marxinación.

Señores e señoras do PP, se non o ven é que son vostedes cegos, que o fan adrede pensando nos seus intereses privados ou é que son parvos. Eu o de parvos, aínda que ás veces parecen, non o creo.

España e os españois estamos tristes. Están vostedes levándonos a sermos un país de parados, sen dereitos laborais e sociais, no que imperan as mafias do fraude e da corrupción.

Calamitoso cando os técnicos, os investigadores e os científicos marchan a outros países por teren salarios indignos, falta de subvencións e de axudas. Todos sabemos –non sei se vostedes– que a investigación, a ensinanza e a cultura son a base primordial do desenrolo e da riqueza dun pobo. Non señor presidente, non van vostedes por bo camiño; a maioría absoluta levounos á prepotencia amal gobernar un país, que de seguirnos así, será un dos poucos do mundo no que os fillos e os fillos dos fillos vivan moito peor que os pais.

Estamos tristes porque milleiros de empresas pechan as súas portas. Porque milleiros de nenos pasan fame e frío e vostedes seguen a cobrar soldos exorbitados, de escándalo, e continúan comprando armamento de guerra en cantidades que fan cambalear a economía do país.

Tristes porque seis millóns de parados están desesperados. Milleiros de familias foron desafiuzados das súas vivendas polos canallas usureiros. Tristes porque os universitarios non poden pagar as tasas; porque ós xubilados déixannos ir ó precipicio en caída libre.

Porque vostedes están practicando unha política de enfrontamento co pobo traballador.

Para quen gobernan señores Rajoy, Feijoo e Compañía? Un presidente, calquera cargo público, calquera cidadán, deberá valer o que a súa palabra, e a de vostedes ben pouco vale.

Non serán vostedes dos/das que pensan que non é malo deixar morrer ó enfermo (España), para lle salvar a vida cando o milagre da resurrección!!

Doado é ver que vivimos nun país cun modelo productivo obsoleto no que as medidas e as leis que decretan e aproban de nada serviron, senón para empeorar. Controlen o fraude fiscal, a fuxida de tantos millóns fóra de España e consigan que volvan e paguen ó fisco. Controlen as grandes fortunas, ós grandes defraudadores, que non vai ningún á cadea. Por que será?

Déixense de listas de morosos na porta de Facenda, señor ministro. Coida que lles importaría algo a eses caras duras multimillonarios aparecer como pufistas defraudadores do Estado, ladróns do diñeiro de todos nós.

Non sexan inxenuos. Están practicando unha política que descaradamente favorece ó gran capital. A vostedes, que aínda que non se dean conta (ou si), o pobo español está vivindo nunha intranquilidade constante, nun pánico de infarto.

Están enchendo de desprezo o saco dun pobo que non pode máis e xa non confía en vostedes. Dun pobo que, xa sen tapadeiras e sen vendaxe nos ollos, considera que o goberno do Estado está só ás maduras. Defendendo só as súas comenencias.

España está triste

Te puede interesar