Cando Vietnam era referencia

O27 de xaneiro cúmprense corenta anos do acordo de alto ao fogo entre os Estados Unidos e Vietnam do Norte, polo que se retiraban as tropas norteamericanas nun prazo de sesenta días. Na práctica adiantaba a caída do réxime de Vietnam do Sur, que malia o apoio económico e en armas das potencias occidentais só durou até maio de 1975. A reunificación de ambos territorios fíxose o 2 de xuño de 1976, completando así o proceso que estaba pendente polos acordos de Xenebra de 1954 entre Francia e o movemento de liberación de Vietnam. Estes acordos dividían o país e incluían unha cláusula de referendo en Vietnam do Sur sobre a reunificación. A consulta nunca se cumpriu pola oposición dos Estados Unidos, que substituíu a Francia como potencia dominante no territorio.

Durante a guerra, os Estados Unidos chegaron a contar con 536.100 militares (ano 1968) aos que hai que engadir 65.000 de países aliados e 820.000 survietnamitas. A esta altura as forzas do Viet-Cong sumaban uns 400.000 homes e as de Vietnam do Norte 480.000. No momento dos acordos Estado Unidos xa gastara 135.000 millóns de dólares no conflito e custáralle 60.000 mortos. As baixas vietnamitas foron inmensas, uns tres millóns de mortos entre combatentes e civís, ao que se debe sumar a destrución de infraestruturas e zonas produtivas.

Esta guerra deixou un pouso traumático para a maior potencia do mundo e do imperialismo. Toda a súa tecnoloxía e poder militar e económico foi vencido polos desexos de liberdade e capacidade de sacrificio dun pobo. É verdade que contou co apoio de Rusia e China, máis o aire e mar sempre estiveron controlados polos Estados Unidos, que ademais de bombardear arreo o territorio en disputa, fixo o propio con Vietnam do Norte. A inventiva, os métodos de batalla primitivos, demostraron a súa eficacia, diante dun exército invasor, malia que a ocupación se disfrazase de defensa da democracia.

A loita vietnamita foi referencia durante dúas décadas no mundo, para unha xeración de mozos e mozas que arelaban un mundo mellor. Non esta de máis lembrar a Ho Chi Minh, Le Duan, ou ao xenio militar dun profesor de historia chamado Vo Nguyen Giap.

 

Cando Vietnam era referencia

Te puede interesar