Braga

|

Hai dous anos, xusto por estas datas, a fortuna levoume a residir en Braga por tres meses. Coñecía a cidade desde había uns corenta anos e tiña pasado por ela -mesmo pernoctando nalgunha ocasión-, unhas cantas veces. Mais, cando alí cheguei desa volta, había xa ben tempo que non a visitara. E abofé que atopei cousa ben diferente do que lembraba e do que imaxinaba que sería. Descubrín que Braga é fixe. Adóroa.

Algún tempo despois, nun xantar con tres benqueridos exalumnos, de xa hai perto de vinte anos, falamos de ir pasar unha fin de semana a Portugal. E, por diferentes razóns, optamos por Braga. E aló fomos Afonso Mendes, Diego Bernal e mais eu, porque a Manolo Dans, convertido en pequeno empresario, resúltalle complicado deixar de traballar os sábados. A frutífera viaxe aconsellounos institucionalizala e o venres pasado aló volvimos, tamén sen o sufrido Manolo. O tempo, que se anunciaba moi chuviñento, acabou portándose case ben, o que é moi de agradecer nas cidades onde o principal museo é a cidade mesma. Paseos sen présa, saborosos cafés e comidas, xente amable, librarías entrañables, idioma mesmo de nós..., cousas todas que convidan a voltar.

Braga