Pablo Casado marchou a Bruselas. Dirán vostedes que calquera ten dereito a defender o seu credo en calquera institución ou ante colegas doutras latitudes. Pero non foron por aí os tiros. Foi de novo a falar mal do seu país. Teñen un estraño concepto do patriotismo. É algo así como que todo con eles no poder, e nada de nada se eles non gobernan. Non é a primeira vez. Confunde os termos Goberno e país. Ou dalle exactamente igual destruir a confianza na economía e na sociedade española, con tal de desprestixiar e destruir ao goberno de Sánchez.
E segue obsesionado con que a lexitimidade sempre a ten o PP. En anteriores ocasións se lle escoitou como describía un país en estado crítico, segundo o seu pensamento. Desta vez xa foi para cargar as tintas contra os presupostos, contra o Goberno de Sánchez, debuxando un panorama negro zaíno e pedindo a axuda poderosa do primo de zumosol, para facerlle a cambadela aos novos presupostos. Unha sociedade, que acaba de darlles a patada e algo máis ás súas siglas feridas, un día si e outro tamén, polos incesantes casos de corrupción.
Hai outras viaxes, sorprendentes acaso, coma a de Iglesias a Junqueras no cárcere de Lledoners. Pero igualmente innecesarias. Dende Montesquieu, sabemos que a separación de poderes impide as inxerencias do Executivo no Xudicial. Se a lóxica da revisión da prisión preventiva pola xestión de tempos e inicios de procesos tivera lugar agora quedaría grazas a esta inoportuna viaxe publicitaria manchada inxustamente pola sospeita.
Insistamos na audacia –dixo El– de ser xuntos a voz que pinta primaveras e rios caudalosos nos desertos. De sentirnos sempre febre básica, pulsión elemental, emoción horizontal perpetuada máis alá dos sentidos...