Fernando Pessoa publicista

Nas últimas semanas, Isabel, que desde hai moito adoita informarse de cousas relacionadas coas porcalladas que lles meten a todo tipo de produtos do ámbito alimentario, andou preparando unha intervención sobre o tema, para expoñela en portugués na Escola de Idiomas. No transcurso das pescudas bateu cunha curiosa noticia relacionada coa primeira publicidade da Coca-Cola en Portugal, pormenor do que nin ela nin eu tiñamos a máis remota idea. Como é sabido, foi John Stith Pemberton, un farmacéutico de Georgia (USA), quen inventou esta hoxe universal bebida experimentando un xarope que lle permitise paliar as súas dores e a adición á morfina que tomaba con esa finalidade. Obtívoo en 1886, patentouno, vendeu a fórmula e morreu pobre e enfermo dous anos despois. Non foi esa mesma a sorte que correu o tamén farmacéutico, empresario farmacéutico, Asa Candler, que foi o comprador da fórmula e o que, en 1892, creou a grande compañía The Coca-Cola Company, que axiña, só dous anos despois, comezou a vender o produto engarrafado. No camiño da súa expansión en Portugal apareceu un moi curioso e atinado slogan para anunciala: “Primeiro estranha-se, depois entranha-se!”. O autor? Pois nada máis nin nada menos que o inmenso poeta portugués, e universal, Fernando Pessoa. Parece que foi en 1928 cando a compañía lle pediu ó poeta que crease un slogan para a bebida e este así o fixo. Ó parecer as vendas foron espectaculares, mais pouco duraron. O produto acabou sendo prohibido pola intervención do director de Saúde de Lisboa, quen argumentou que se contiña coca non se podía vender porque podía ser estupefaciente e se non tiña coca a publicidade era enganosa. E aí acabou a historia da Coca-Cola en Portugal ata o triunfo da Revolución dos Cravos, corenta e seis anos despois. E disque foi o propio slogan o que levou ó responsable de saúde lisboeta a quitar a bebida dos mercados. O entráñase pode entenderse como interiorización, isto é, adición. Así o entendín de primeiras. Hai unha outra versión da historia do slogan que di que, efectivamente, a marca encargou a campaña publicitaria portuguesa á empresa na que traballaba Pessoa e que este foi o encargado do slogan e así o fixo. Mais, houbo razóns políticas que motivaron que a marca non entrase en Portugal e o “Primeiro estranha-se, depois entranha-se” non foi máis aló do papel. En calquera caso, o anuncio existiu, pode verse. E se o de Fernando Pessoa é curioso, non o é menos que fose España o primeiro país europeo onde penetrou: en 1926, nos anos e tempos do slogan pessoano. Gobernaba España, desde setembro de 1923 o Directorio Militar formado despois do golpe de Estado, encabezado polo capitán xeral de Cataluña Miguel Primo de Rivera, ó que para nada se opuxo o monarca Alfonso XIII. En todo caso, máis ben todo o contrario, xa que non tivo o menor problema en nomealo Xefe do Goberno. Tamén Portugal, desde primeiros de xuño de 1926, pasou a estar gobernado por unha Ditadura Militar (eufemisticamente Ditadura Nacional) surxida após o golpe de estado encabezado polo xeneral Gomes da Costa, iniciado en Braga nos días finais de maio, que acabou coa Primeira República Portuguesa. Pode chamar a atención o feito de que en dous territorios veciños, gobernados por dúas ditaduras moi parecidas –hoxe tamén, casualmente, rexidos por idénticas dereitas reaccionarias– actuasen de xeito tan disímil perante a distribución dun produto refrixerante. Sen ser o que é hoxe, a Coca-Cola nesa altura xa era un xigante. Consecuentemente, a súa presenza nun país podía reportar máis que pingües beneficios ás xentes que son o poder mesmo ou que se moven nos círculos do poder. Se, como é evidente, os niveis de corrupción son moi superiores nas ditaduras ó que hoxe aquí, ou en Portugal, nos atopamos día si día tamén, como é posible que os rexedores lusitanos deixasen escapar semellante teta? Máxime cando nos rexímenes ditatoriais as denuncias brillan pola súa ausencia e xa sabemos que do que non se fala non existe. En calquera caso, quede aí un detalle sobre Pessoa publicista.

 

Fernando Pessoa publicista

Te puede interesar