Todos os seres humanos cando nacemos comezamos a herdar os costumes e os xeitos de vivir que veñen dende moitos séculos atrás e, no caso dos que pasamos dos cincuenta anos, estes hábitos viñan marcados profundamente pola influencia da Igrexa Católica. Falamos de Europa e concretamente de España. Os españois, ao remate da Idade Media e comezos da Modernidade, quixeron distinguirse –máis papistas que o Papa- creando un Deus para eles e a súa medida. Era un deus rigoroso, intolerante e que condenaba ao inferno pola mínima que te pasaras. Con esta idea do seu deus perseguían a todos os que non se someteran á doutrina e ás normas establecidas por aquelas Xerarquías que se reuniran no Concilio de Trento. E non lles tremía o pulso aplicando castigos inhumanos, en casos ata morte se era necesario, a aqueles que incumprían a doutrina infalible e os hábitos establecidos por aquela Igrexa. Así foi como, alá polos séculos quince e dezaseis coa intervención de Tomas de Torquemada, inquisidor xeral do Reino e confesor de Isabel a Católica, os nosos antepasados tiveron que vivir controlados pola Santa Inquisición no nome de un deus feito á súa medida. Un deus que coincidía moi pouco ou nada co que todo o perdoa, como é o do Evanxeo de Xesús. Así foi que Xesús sufriu a morte na cruz, no nome do Deus bondadoso e en defensa dos pobres e os marxinados. A relixión verdadeira é algo parecido a como está actuando agora o papa Francisco, todo bondade, mostrando de esta maneira o camiño a seguir. Menos mal que daquela Igrexa quédanos xa moi lonxe, pero tampouco sobra senón que máis ben favorece saber de onde vimos. A Igrexa fallou en algunhas ocasións e tamén cometeu erros. Ven isto a colación hoxe para comentar un “decreto” actual da Curia Vaticana, non do Papa, sobre das chamadas cinsas ou restos da cremación dos cadáveres. Tal decreto establece que esas cinsas deben ser respectadas e conservadas case que coma se da mesma persoa viva se tratara. Pero estas son só restos do corpo que quedan despois da cremación. Do mesmo xeito que cando queimamos leña e queda a cinsa na lareira. A doutrina tradicional mantén que o ser humano está composto de corpo e alma. Foron os filósofos platónicos os que buscaron unha artimaña para explicalo, e como non lles cadraba partiron o ser humano en dúas partes, corpo e alma. Pero a persoa humana é algo indivisible na súa constitución e nos seus comportamentos. Os teólogos, os expertos na materia buscan e avanzan que a chamada alma forma unidade indivisible co corpo. Non é algo a parte, e polo tanto cando a morre a persoa morre o corpo coa alma. Xesús o Nazareno, que morreu na cruz, prometeu aos seus discípulos a resurrección despois da morte. Pero resucitar non significa o retorno do corpo cremado ou enterrado á vida que tiña antes de morrer, algo imposible, senón a entrada na casa do Pai, Deus. Pero aquí metémonos xa no ámbito da fe dos crentes que cada quen é moi libre de interpretar.