As mellores festas

|

Hai anos que o verán comezaba para min en san Xoán, naqueles tempos de estudante do bacharelato polivalente, como as vacinas actuais. Despois, na época universitaria había que atrasar máis as vacacións, que se iniciaban cos sanfermíns e xa coa madurez, se que iso existe, ou no momento da integración no mercado laboral, o estío aparecía coincidindo cos días libres que tocasen en graza entre xullo e se- tembro. Porén estas situacións xa mudan e veñen outras novas.
Agora dáse a saída para as vacacións coa ignición das máquinas desbrozadoras dos veciños a primeira hora da mañá ou ao serán, segundo conveña, así que cambiamos o son das gaitas anunciando festas ou foguetes ruidosos prendidos cun cigarro polo ruído de motores de dous tempos. E o seu silencio paulatino indica que o verán xa se vai marchando.
O cambiante clima galaico tampouco axuda a mercar o inicio do tempo dos baños, pero se coincide sol e calor, que non sempre van xuntos, o bulicio de cativería nos primeiros días de xullo nas praias son síntoma de verán. Esta rapacería vai desaparecendo dos areais co pasado dos días porque normalmente son os que teñen que retornar aos libros para sacar as materias pendentes.
Porén o síntoma de que o verán se acaba son as grandes festas de mediados de agostos, cando aldeas, pobos e vilas queiman miles de euros en fogos de lucería e grandes orquestras e algunha que outra degustación gastronómica. Hai galaicos que son capaces de aparcar uns días o taxi en Barcelona para viren a celebrar as festas e vestirse á maneira tradicional con pantalón de tergal gris e camisa de cadros de manga corta, pasados polo ferro con liñas xeométricas de gran precisión.
Agora xa chega o tempo de facer balance e dicir cales son as mellores festas, que en pensamento galaico é o mesmo que votar por como foi de aproveitado o verán. A última palabra sempre a ten o sector hostaleiro, que mide o éxito en litros de cervexa ou quilos de ensalada rusa ou en ovos para tortilla. Aínda que a nivel autonómico todo se basea no parámetro de peregrinos en Compostela, no mundo real a estrela é o número de madrileños que acudiron ao centro de saúde a pedir que lles fixeran un TAC coincidindo cos días non aptos para ir á praia, que sen dúbida iso é máis exacto para ultimar o balance de días de sol e nubrados.
As mellores festas son a que se pasan en tranquilidade e cunha gran orquestra animando a noite, mentres pola tarde houbo unha sesión de habilidades e destrezas no manexo da desbrozadora ou de regas con mangueira.

As mellores festas